Besteiro propón medidas de rexeración democrática

Besteiro_fonte Deputación Lugo

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo este xoves a posta en marcha de medidas de «rexeneración democrática» co «consenso» de todas as forzas políticas para evitar «dunha forma seria» novos casos de corrupción.

De inicio, preguntado polos xornalistas nun acto en Lugo, formulou que «haxa máis transparencia» e «unha loita seria de todos os partidos e todas as administracións» para que casos como Pokémon ou Patos «non se «volvan producir».

Neste sentido, o líder dos socialistas galegos lamentou que o PP rexeitara crear unha unidade xudicial «específica» contra a corrupción en Galicia. «Eu penso que sería unha boa decisión», alegou.

«Temos que contribuír todos a que se actúe contra o comportamento delituoso, pero sen ansiedade e dende o compromiso coa democracia. Podemos admitir erros, si, pero non podemos admitir delitos», proclamou.

Sen querer entrar en detalle nas operacións abertas, o único que engadiu é que «non son situacións agradables» para a política galega» e o seu desexo de que a Xustiza «actúe dunha forma rápida».

FUTURO DE OROZCO

Acerca do futuro do alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, que revelou á xuíza Pilar de Lara durante un interrogatorio que esta sería a súa última lexislatura na casa do concello, Besteiro desviou o tema cara ao «proceso ilusionante» que actualmente vive o seu partido coa vista posta nas eleccións europeas de maio.

«O PSdeG está niso», resolveu, para reiterar que unha vez pasados eses comicios, o seu partido iniciará o traballo previo ás municipais do ano próximo.

Preguntado como se afrontará o cambio dunha figura política como Orozco, que foi alcalde as últimas catro lexislaturas, Besteiro recordou que o propio rexedor defende que «sempre hai que traballar en clave de renovación».

«É unha cuestión que abordaremos en todas as cidades, e non só en Lugo, pasadas as eleccións europeas. Nós non nos imos distraer sobre un obxectivo claro que temos, que é gañar as eleccións europeas,», resolveu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar