Liberdade con cargos para os cinco detidos

Operación Patos_1_rexistro

Os cinco detidos no marco da Operación Patos quedaron este mércores en liberdade, aínda que imputados, tras pasar a disposición do xulgado de instrución número 7 de Vigo, que dirixe a investigación sobre supostas irregularidades en contratos públicos.

A maxistrada María del Carmen García Campos imputa a José Álvarez Valverde (concelleiro de Vías e Obras de Nigrán), Enrique Alonso Pais (responsable da construtora Eiriña), Jaime A.V. (director xeral de Eiriña), Juan Ramón A.G. (técnico de Cespa) e Alfonso C.G. (xefe de Cespa en Galicia), polos supostos delitos de tráfico de influencias e suborno. Ademais, ao edil nigranense tamén lle imputa un presunto delito de prevaricación.

O primeiro en pasar a disposición xudicial foi Enrique Alonso Pais; posteriormente, presentouse ante a xuíza, Juan Ramón A.G., técnico de Cespa, que saíu pouco despois e abandonou o edificio coa cara tapada e fuxindo dos fotógrafos.

En terceiro lugar, pasou a disposición da xuíza o concelleiro de Vías e Obras de Nigrán, José Álvarez Valverde (PP). Tras dez minutos, saíu dos xulgados pola porta traseira, onde lle esperaba un coche. Posteriormente, pasou ao despacho da xuíza Jaime A.V., director xeral de Eiriñas, e por último, o xerente en Galicia de Cespa, Alfonso C.G.

Segundo confirmaron fontes xudiciais, todos quedaron en liberdade sen medidas preventivas. A causa foi declarada secreta, á espera dos informes que se elaboren coa documentación incautada nos diversos rexistros realizados.

Precisamente por o segredo declarado e polo pouco tempo que os detidos compareceron ante a xuíza, é probable que todos eles se acolleran ao seu dereito a non prestar declaración.

Fontes xudiciais tamén explicaron que este mércores non se ordenou ningún novo rexistro, aínda que si se recolleu documentación nun despacho da deputación provincial de Pontevedra, que quedara pendente do martes.
ARMAZÓN

No epicentro desta nova investigación contra a corrupción en Galicia sitúanse a empresa Cespa, que pertence ao grupo Ferrovial, e a construtora Eiriña, así como tres empresas da súa armazón nas cales tamén figura como administrador Enrique Alonso Pais.

Aparte das cinco detencións, a Operación Patos provocaron que este martes se efectuasen rexistros en dependencias de seis concellos galegos: Vigo, Santiago, Ourense, Nigrán, Ponteareas e Pontevedra, así como na Deputación Provincial de Pontevedra, na delegación da Xunta en Vigo, no Consorcio do Casco Vello de Vigo e na Autoridade Portuaria de Vigo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar