A Xunta e a DGT coordinan as suas funcións nos accidentes de tráfico

Rueda_DGT_despacho San Caetano_2
A Xunta e a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) coordinaranse para que as vítimas de accidentes de tráfico «en ningún momento» queden «soas ou desvinculadas» e para que «non haxa espazos mortos» no acompañamento que a administración faga ata que se dea por finalizada a intervención.

Por este motivo, o xefe da Unidade de coordinación en materia de Vítimas de Accidente de Tráfico da DGT, María José Rodríguez Armenta, e o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, reuníronse este luns.

 

Tras o encontro Rodríguez Armenta explicou que dende o 1 de febreiro en todas as xefaturas provinciais de Tráfico existe unha unidade para poñer atención nas vítimas de accidentes, que trata de xestionar «tódolos sistemas» de axuda. O obxectivo da reunión co Goberno galego é buscar a coordinación entre administracións.

«Como DGT vimos que é interesante crear uns procedementos e temos que contar cos gobernos autonómicos», indicou e apostou por lograr establecer «unha conexión» dende o momento en que se produce un accidente e evitar que haxa lagoas na atención ás vítimas.

Rueda destacou que «son moitas as facetas» da intervención en caso de accidente e é necesario coordinarse para que «non haxa ningún espazo baleiro nin ningún oco de falta de información ou de atención». «Xa é difícil a situación dunha vítima de accidente de tráfico para que a administración non colabore subministrando toda a información», argumentou.

Por iso, analizou coa DGT a posibilidade de establecer un protocolo que permita «facilitar as cousas» dende a administración para as vítimas destes sinistros.

A iniciativa, indicou a representante da DGT, non responde a que se recibiran queixas, senón a que Tráfico se decatou de que as administracións crean servizos que «poderían utilizarse máis», pero están menos aproveitados porque non existe coordinación. «En moitos casos non coñecemos todo o que ten o outro servizo e non maximizamos o rendemento», sinalou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar