Anegamentos nos cultivos e danos nos invernadoiros xeran perdas millonarias

A Limia anegada_inundación inundacións

Os anegamentos de terras de cultivo en zonas como A Limia, en Ourense, onde as chuvias encharcaron por completo unhas 3.000 hectáreas de produción de cereal de inverno; e o estrago en invernadoiros, galpóns e outras infraestruturas en bisbarras como A Mariña de Lugo, Bergantiños, Terra de Soneira, Costa da Morte  e O Rosal  supoñen perdas para o sector agricultor e hortícola por valor de máis de 1,5 millóns de euros.

Este é o cálculo que, á baixa, realiza o sindicato Unións Agrarias (UU.AA.), o secretario xeral do cal, Roberto García, advirte tamén de que a inhabilitación de máis dun 30% das 70.000 hectáreas de pradaría que cada ano renovan as granxas para xerar forraxe suporá un aumento dos custos da produción láctea e cárnica cifrado en torno aos 4,5 millóns de euros.

Dende Xóvenes Agricultores (XX.AA.), o seu responsable, Francisco Bello, trata de sacar ferro á situación pois, asegura, a súa organización non é partidaria de «alarmar» nin de «andar chorando cada vez que chove» ou os profesionais do agro deben facer fronte a condicións meteorolóxicas adversas. «A realidade é que é un inverno duro, quizais algo máis forte do normal en canto a precipitacións. Pero no campo galego sabemos o que hai», destaca.

 

Invernadoiros destrozados

Con todo, Bello recoñece que se as precipitacións persisten polo menos outras dúas semanas a primeira curta se atrasará e «quizais suba un céntimo máis ou menos» o custo de fabricar un litro de leite, con prezos de venda en Galicia que alcanzan máximos nos últimos meses, equiparados á media estatal, nuns 0,39 céntimos por litro.

O membro da executiva do Sindicato Labrego Galego (SLG) Xosé Ramón Cendán coincide en que «pode haber problema de forraxes», o que implicaría a necesidade de importar máis pensos e concentrados para alimentar ao gando, pero entende que aínda é pronto e que onde agora se concentra o dano real e «cuantioso» é na horta. O encargado das áreas de horta e flor desta central, Miguel Méndez, dá fe diso.

TEMPO DE PEMENTOS, PATACAS E REPOLOS

Méndez ten senllas explotacións de 500 metros cadrados en Vedra, nas inmediacións de Santiago de Compostela. Unha das últimas cicloxéneses rompeulle por completo un dos dous invernadoiros, «toda a instalación», polo que estima un prexuízo duns 10.000 euros. A iso súmalle outros 2.000 euros correspondentes aos cultivos que o mal tempo lle impide plantar, como os pementos de padrón de interior –que, ao ser os primeiros da tempada terían un maior prezo no mercado– e outros de exterior como as patacas temperás e os repolos. «Non se pode entrar nas terras», lamenta.

Inundacións temporal A Limia
Intensas inundacións na Limia.

 

«Estamos sen liquidez ningunha», quéixase este vedrés, que explica que 2013 «xa foi un ano complicado». Nestas circunstancias, o responsable de horta e flor do SLG, como o número un de Unións Agrarias, demanda «unha partida presupostaria urxente, para saír do apuro». «É preciso un plan especial de axuda. Hai moitos mozos e mulleres que tiveron que volver ao campo neste contexto de crise; puxeron unha explotación de horta, que require menos extensión, e se non lles botamos unha man agora que o tempo lles levou todo por diante o prexuízo económico para a sociedade, pola destrución de emprego no rural, será moito maior», expón Roberto García.

É neste punto no que existe consenso á hora de analizar os efectos dos temporais que azoutan a comunidade practicamente sen tregua dende decembro. Así, Francisco Bello, de Xóvenes, constata que a deterioración na horta «é máis doada de cuantificar», posto que «perdes as 15.000 leitugas que tes nun invernadoiro» e o dato é indiscutible.

 

MOI POUCAS PÓLIZAS DE SEGURO

¿Que facer entón? Os números relativos aos anos 2012 e 2013 de Agroseguro, agrupación española de entidades aseguradoras dos seguros agrarios combinados, reflicten que «non hai moitas pólizas contratadas», segundo certifica o secretario de servizos e infraestruturas de UU.AA., Óscar Pose.

De feito, con cifras a 22 de xaneiro de 2014, tan só 16 persoas en toda Galicia teñen contratados seguros para hortalizas baixo cuberta, un 6,7% máis que un ano atrás, é dicir, un máis. No caso de planta viva, flor cortada e viveiros, a cantidade baixou en 12 meses un 12,5%, ata 28.

En herbáceos extensivos, a redución foi do 85,7%, con unicamente oito; mentres retrocederon un 75% os de seca en pastos, nove. En froiteiros e caqui e outros froiteiros a cantidade é aínda máis anecdótica, con dous e tres pólizas contratadas, respectivamente, mentres que ninguén está asegurado no ámbito da horticultura ao aire libre para a tempada de primavera-verán.

PLANTACIÓNS DE GRELOS PERDIDAS

Ao respecto deste baixo grao de cobertura, Pose expón a súa tese: en primeiro lugar, o sector hortícola non é maioritario no territorio galego, senón que quen ten un invernadoiro adoita xestionalo de xeito complementario a outro tipo de actividades; e, en segundo termo, a marxe de beneficios neste terreo é reducida, o que complica asumir o gasto de asegurarse. É de supoñer que tras un período adverso como o vivido experiméntese «un pico» na contratación, apunta.

Miguel Méndez achega un terceiro elemento como xustificante do feito de que as hortas estean pouco aseguradas na Comunidade Autónoma: «producimos diversidade e, ao haber diversificación, non encaixamos ben nas pólizas». Cultivos como os anegados na zona de Xinzo, sobre todo de trigo pero tamén de cebada, «non teñen seguro porque as pólizas non teñen previsto cubrir a sementeira». «E ese cereal sufriu tanto que vai ter problemas de enfermidades radiculares», advirte.

Tamén as plantacións de grelos, a demanda do cal aumenta na época de Entroido, se viron «moi afectadas». «Pedimos unha condonación da Seguridad Social uns meses e, a medio e longo prazo, traballar nunha liña de seguros», resalta este voceiro, do mesmo xeito que Óscar Pose incide na «reivindicación histórica» para que se estableza un «seguro de rendas», que, malia que non sexa moi elevado, evite aos profesionais do agro ter que subscribir «moitos seguros», que, «ao final, non están adaptados á realidade de Galicia». «A súa implantación débea liderar a Administración, pero nesta dirección non observamos moitos pasos», censura.

GANDEIRÍA

Pola súa banda, García carga contra o «desmantelamento» do presuposto público para fomentar a contratación de seguro agrario, que «sempre foi modélico pero máis pensado para hortalizas, froitas e cereais que para gandaría. Critica, así mesmo, que o único de gandaría que ten un alcance elevado é o de retirada de cadáveres (55.280 pólizas contratadas na Comunidade galega a 22 de xaneiro deste ano), «que se privatizou».

No caso de gando, son 4.620 os profesionais asegurados, seguidos dos de uva de viño (607), forraxeiros para protexerse dos ataques de fauna salvaxe (421) e incendios forestais (83). «Non existe ningunha liña para cubrirse da destrución da forraxe por chuvia», sinala Óscar Pose.

Outro factor que entra en xogo ao estudar as posibles consecuencias desta sucesión de borrascas é a aparición de pragas «máis virulentas», segundo alerta o secretario xeral de XX.AA., que vai «máis rara quizais» que a auga caída a circunstancia de que «non estea a xear», polo que se refire a vermes, mosquitos e outras especies potenciais inimigas dos cultivos de horta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar