O Salón do Coche Clásico, de novo en Santiago

Coche antigo_clásico_recinto feiral de Amio_Santiago_salón

O recinto feiral de Amio recibe un ano máis os afeccionados ao motor de Galicia e norte de Portugal esta fín de semana en Retro Galicia 2014, IV Salón do Vehículo Clásico e de Época. A Concellería de Economía, Comercio, Turismo e Mercados colabora con este certame, organizado pola empresa Eventos del Motor.
O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado polos concelleiros Reyes Leis, Francisco Noya e Luis Meijide, asistiu á apertura do Salón, que incorpora por primeira vez un motorshow exhibition denominado I Festival Todo Clásico, no que arredor dunha quincena de pilotos, entre os que estarán Jesús Ferreiro (Campión de España de Ralis), Perfecto Calviño (Campión de España de Autocross), Iñaki Alberdi ou Marvic, farán as delicias do público cunha serie de exhibicións a bordo dos lendarios Porsche 911, Ford Escort ou do prototipo de Lancia 037.

O espectáculo desenvolverase durante este sábado 15 e o domingo 16 na zona exterior do recinto feiral e ocupará unha superficie aproximada de 10.000 metros cadrados. A cargo da organización deportiva estará a Escudería Motor Melide, que puxo en marcha durante anos o Rali de Galicia Histórico, puntuable para o Campionato de España.

Entre as atraccións con que conta o salón galego nesta nova edición destaca a homenaxe que polo seu 60 aniversario se lle renderá a un dos coches máis exclusivos e bonitos xamais fabricados: o Mercedes 300 SL Gullwing, máis coñecido como «Ás de Gaivota». No espazo que se lle dedica a esta icona da industria automobilística, ademais dunha unidade orixinal do ano 54 tamén se mostra un Mercedes SLS do 2014, para que os afeccionados poidan comprobar de primeira man a evolución que sufriu este modelo co paso dos anos.

Outro dos automóbiles que cumpre anos neste 2014 é o Ford Mustang, neste caso medio século dende a súa aparición. En Retro Galicia tamén hai un espazo dedicado a este outro referente da industria automobilística. Nel pódense apreciar diferentes carrocerías de distintos anos e modelos, como a Fastback, a Coupé ou a Convertible.

Se das dúas rodas falamos, ademais dos postos de pezas e accesorios, tamén se levará a cabo a presentación oficial do Campionato Galego de Motos Clásicas, así como das 6 Horas de Resistencia de Scooter Clásica. No espazo que lidera o Moto Club Compostela tamén se presentará a XX Ruta Rosaliana, que se celebrará, como é tradición, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e amosarase unha exposición de motos clásicas de competición, unha colección de cascos de diferentes pilotos de todos os tempos, e os diferentes clubs de motos clásicas de Galicia darán a coñecer os seus calendarios de probas e concentracións para 2014.

SALÓN COMERCIAL

Como xa sucedeu nas anteriores edicións, Retro Galicia ten un marcado carácter comercial, o que permite non só admirar os vehículos que se expoñen, senón adquirilos.

Para aqueles que xa dispoñan dun vehículo clásico (entendendo como tal un de máis de 25 anos de antigüidade) e decidan acudir nel a Retro Galicia, a organización ten unha zona de aparcadoiro reservada, ademais de ofrecer un 50% de desconto no prezo da entrada.

Retro Auto Galicia pon a disposición dos particulares o seu propio espazo para que poidan poñer á venda automóbiles e motocicletas clásicas no Pavillón A do Recinto Feiral de Amio.

Os devanditos vehículos terán como condición ter sido fabricados ata o ano 1988 ou, no caso de marcas de prestixio (como Ferrari, Maserati, Aston Martin, Lamborghini, Porsche, Rolls Royce, Corvette, Bentley ou Lotus) ampliarase dito prazo ata 1996.

ACTIVIDADES PARA TODOS

En Santiago non fará falta ser un piloto de competición para conducir un bólido, nin ter preparados repostos e gasolina para acelerar un coche en pista. A empresa Marvic Sport&Classic terá a disposición do público que desexe alugalo un exemplar de Ford Escort. Con esta unidade poderase rodar na pista exterior de exhibicións, nos tempos mortos destas. Ademais, a empresa JRS Simulación poñerá a disposición de todos os asistentes un simulador profesional de condución do máis alto nivel. Este dispositivo é o que utiliza o piloto asturiano Alex Novo para a súa preparación indoor. Grazas a isto, poderemos ver competir os afeccionados en diferentes en circuítos, cada un á súa escala.

Como todos os anos, todos aqueles afeccionados que acudan co seu vehículo clásico, tanto coche ou moto, dispoñen dunha praza de aparcadoiro gratuíta no propio recinto onde se celebra a feira, e gozan dun 50% de desconto na entrada. O prezo xeral é de 8 euros.

Os horarios do Salón son os seguintes: venres 14 de febreiro, de 16:00 a 21:00 horas; sábado 15, de 10:00 a 21:00 horas; domingo 16, de 10:00 a 20:00 horas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar