A Xunta aposta por avanzar na cooperación entre Galicia e Portugal

Rueda_xornada Camiño de Santiago_tui

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na inauguración da Xornada Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Trátase dun evento organizado pola Asociación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, a Eurocidade Tui-Valença e a Axencia Turismo de Galicia co obxectivo de dinamizar esta ruta e poñer en valor as oportunidades que ofrecen os recursos turísticos e patrimoniais da zona.

Na súa intervención, Alfonso Rueda salientou o valor do Camiño de Santiago coma nexo de unión de toda a Europa continental, mentres que o Camiño Portugués configurouse historicamente coma a principal arteria de comunicación entre Galicia e Portugal. De feito, Portugal é o terceiro país que máis peregrinos aporta a Santiago.

Segundo dixo o vicepresidente da Xunta, estes lazos históricos están hoxe máis vixentes ca nunca a través de actuacións concretas de cooperación entre os dous lados da fronteira. De feito, Galicia e o Norte de Portugal traballan xa desde hai tempo en proxectos de cooperación transfronteiriza e contan con relacións económicas cada vez máis sólidas.

Precisamente unha das últimas iniciativas é a recente presentación da Guía conxunta da Eurocidade Tui-Valença, na que se fai énfase no aproveitamento das potencialidades turísticas como un dos elementos dinamizadores da economía da zona.

Non obstante, o Goberno galego considera que esta cooperación de proximidade debe complementarse cun enfoque estratéxico a máis alto nivel. Nesta liña enmárcase o Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión para o período 2014-2020 no que se aposta pola concentración de recursos e por actuacións conxuntas en materia de innovación e de emprego co fin de gañar competitividade en toda a zona. Neste Plan tamén se lle presta unha especial atención á posta en valor do patrimonio cultural como un dos grandes activos que comparten Galicia e a Rexión Norte de Portugal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar