Xunta e Deputación asinarán o Plan Termal de Ourense

Xosé Manuel Baltar e Nava Castro.
Xosé Manuel Baltar e Nava Castro.

O Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse en Santiago coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, xuntanza na que o presidente provincial lle deu a coñecer o acordo da Xunta de Goberno da deputación do pasado 7 de febreiro no que se aprobou a sinatura dun convenio de colaboración que integraría á administración autonómica, á deputación e ás administracións implicadas no desenvolvemento do plan termal para a súa execución. A Xunta, por medio de Nava Castro, aceptou a proposta e asinara o convenio de colaboración, que permitirá o desenvolvemento e execución do documento que ten o seu horizonte temporal de desenvolvemento no período 2014-2020.

Nos próximos días, Manuel Baltar faralle chegar a Nava Castro o borrador de dito convenio e convocará, antes da sinatura do mesmo, a unha xuntanza aos alcaldes e alcaldesas dos concellos de vilas termais da provincia de Ourense, entre eles o da capital, así como á Xunta de Galicia, á Asociación de Balnearios de Galicia e á Confederación Empresarial de Ourense (CEO). A sinatura deste acordo permitirá crear o Consello Termal Ourensán e descarga a execución e seguimento do plan no Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), organismo autónomo da Deputación de Ourense.

Na xuntanza de hoxe participou tamén Mario Crecente, responsable técnico da consultora que desenvolveu o plan.

O plan “Ourense é a provincia termal” ten como liñas básicas a especialización, novos produtos, modernas infraestruturas e promoción do termalismo e está orzamentado en 94 millóns de euros. O obxectivo: situar á provincia de Ourense no mapa internacional do termalismo.

Manuel Baltar considera que esta aposta conxunta, Deputación-Xunta, “é un eixo claro de desenvolvemento de Ourense, e pide que a Xunta defenda “con toda contundencia” o plan no novo escenario de fondos comunitarios 2014-2020, “para que recibamos os orzamentos necesarios para impulsar como nunca esta provincia e dotarnos dunha personalidade que sempre tivemos pero que agora nos situará na vangarda do benestar, do relax e da saúde”.

As liñas de actuación do Plan Termal baséanse en definir novos produtos termais como as concesións ao aire libre, para o que se fai necesario establecer unha norma baseada nestes centros de benestar, e tamén nunha “especialización intelixente do termalismo”, e na necesidade de traballar buscando a diferenciación e a evolución e modernidade do termalismo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar