Preto de catro mil empregados públicos benefícianse da flexibilidade laboral

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta tarde no Parlamento galego que 3.770 empregados públicos autonómicos xa se benefician da flexibilidade no seu horario laboral.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Rueda explicou que foron 5.407 traballadores os que fixeron a petición para flexibilizar a súa xornada e que outros 167 solicitaron a modalidade do teletraballo, que nestes momentos se atopan en trámite e se irán resolvendo nas vindeiras semanas.

A comezos de ano entrou en vigor a Orde que por primeira vez establece na Administración galega un sistema horario adaptado aos novos tempos, favorece a conciliación familiar e laboral e introduce figuras novas como a compensación horaria ou o teletraballo.

Segundo explicou o vicepresidente, tratase dun sistema versátil, que da confianza e autonomía aos empregados públicos da Xunta e mellora as súas condicións laborais, ao tempo que procura unha maior eficacia nos servizos públicos prestados.

Así mesmo, a actuación sobre a organización da xornada laboral e a forma de traballo é un aspecto que a Xunta considera clave no proceso de modernización da administración e que ata agora nunca se abordara; xa que desde o ano 1990 existía un ríxido horario laboral que non permitía ningún tipo de flexibilidade ou compensación.

Esta nova regulación muda as formas de traballar e supón unha nova concepción da función pública en Galicia, afectando a case 17.000 persoas, entre persoal funcionario e estatutario, persoal que presta servizo nas entidades públicas instrumentais e persoal laboral.

Por último, Rueda destacou que as vantaxes da flexibilidade horaria e o teletraballo hoxe son unha realidade grazas ao ‘Proxecto Kronos’ de información e control horario que de xeito pioneiro comezouse a implantar en 2011 e que estará culminado este ano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar