A Deputación de Ourense volverá a integrarse no Consorcio dos Peares

Manuel Baltar, con Julio Yebra.
Manuel Baltar, con Julio Yebra.

A Deputación de Ourense volverá formar parte do Consorcio dos Peares, organismo que integra a catro concellos das provincias de Ourense e Lugo, e que ten como obxectivo a xestión de servizos para os veciños deste municipios. A decisión comunicoulla hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ao presidente do consorcio dos Peares, Julio Yebra, alcalde á súa vez do Concello lucense de Carballedo, trala xuntanza que mantiveron hoxe no Pazo Provincial.

Manuel Baltar afirma que a volta da institución provincial ao consorcio está motivada pola xestión económica realizada nestes meses pasados na Deputación de Ourense, “que permite a incorporación novamente a este órgano de xestión, caracterizado pola cooperación intermunicipal e interprovincial, o que servirá para sumar esforzos a prol da mellora dos servizos que se lle ofrecen aos cidadáns desta contorna das provincias de Ourense e Lugo”.

Na xuntanza de hoxe, Manuel Baltar e Julio Yebra, analizaron aspectos de funcionamento do consorcio, así como dos diferentes servizos públicos que presta e a posibilidade seguir ampliándoos e mellorándoos, tendo a cooperación intermunicipal como eixo prioritario da xestión. Baltar incidiu na necesidade de reformular o consorcio, sobre todo tendo en conta o novo escenario legal coa aprobación do texto normativo de racionalización e sostibilidade da administración local.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar