O conselleiro Conde defende a cooperación entre empresas, investigadores e a Xunta

Conde_Negreira_fundación_COTEC

 

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe a cooperación entre empresas, investigadores e administración como clave para acadar unha nova cultura galega da innovación, xa que, resaltou, “se a innovación che deixa atrás, o mercado che deixa atrás”. Coa meta de que “a marca España e a marca Galicia sexan sinónimo de creatividade e de innovación”, Conde defendeu ese traballo conxunto durante a súa participación na presentación do documento La innovación en España en 2020, que a Fundación Cotec expuxo no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa. O acto contou coa presenza do alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, o presidente e o director da Fundación Cotec, Juan Miguel Villar Mir e Juan Mulet, respectivamente, e Manuel Fernández Pellicer por parte de Gas Natural Fenosa.

 

 

Conde subliñou ademais a aposta das empresas galegas e da comarca coruñesa pola innovación, un compromiso que é especialmente visible no programa Innterconecta, que permite a colaboración de compañías, centros tecnolóxicos e universidades en proxectos innovadores que mobilizan recursos públicos e privados: “A comarca coruñesa puxo en marcha 54 proxectos Innterconecta, que están a mobilizar máis de 42 millóns de euros”,

Neste senso, salientou que o capital empresarial se achega ao 50% tanto nos proxectos do Innterconecta como no do programa Conecta Pemes –co mesmo obxectivo pero destinado ás empresas galegas-, e defendeu a necesidade de que ese compromiso medre nos próximos anos, de forma que sexa o sector privado o que lidere a innovación galega. Entre ambos programas, suman máis de 200 millóns de euros mobilizados.

Resaltou tamén as aplicacións prácticas de ambos programas, que están permitindo a empresas galegas investigar aplicacións á vangarda da telemedicina, crear unha plataforma offshore completamente autónoma e baseada en enerxías renovables, ou desenvolver a primeira vacina contra a tuberculose creada en máis dun século.

“As ideas atravesan Galicia de punta a punta, e o Goberno galego contribúe a ese soño cofinanciando os proxectos, porque son rendibles e porque simbolizan unha Galicia emprendedora”, dixo Conde, que defendeu como clave para o éxito a cooperación entre empresas e con universidades, centros tecnolóxicos e a propia administración, compartindo recursos, información, talento e unha cultura da innovación e o risco.

E nese obxectivo, sinalou, a Fundación Cotec xoga –tanto para Galicia como para España- “un papel fundamental: o rol de estratega e de análise”, e defendeu os criterios que comparte coa Estratexia de Especialización Intelixente que guiará a innovación galega ata 2020: a transferencia de coñecemento, a colaboración con e entre as pemes, as redes de talento, e a mobilización do capital privado.

Esta estratexia, sinalou, permitirá “un cambio de paradigma, na que a administración se mire no espello da empresa, e a empresa no espello da innovación”. Deseñada co dobre obxectivo de permitir a Galicia acadar fondos FEDER, FSE e FEADER, por unha parte, e servir de mapa para investir os fondos europeos en innovación nos próximos sete anos, a RIS3 suporá un investimento de máis de 1.660 millóns só en innovación.

“É unha das maiores oportunidades da nosa historia para acometer unha revolución innovadora”, dixo Conde, que resaltou eses fondos como unha oportunidade para “cambiar non só a forma en que este país ve a innovación, senón a forma en que se ve a si mesmo e a forma en que é visto polo resto do mundo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar