Orozco afirma que o PSdeG coñece a sua intención de ser candidato de novo

López Orozco_conversa

O alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, imputado na Operación Pokémon, defendeu de novo a súa inocencia tras o levantamento parcial do segredo de sumario, ao tempo que descartou dimitir. De feito, chega a afirmar que o PSdeG «sabe» da súa disposición a presentarse de novo ás próximas eleccións municipais.

«Eu estou disposto a que si (presentarse de novo ás municipais), iso depende de moitas circunstancias alleas a min, o partido, pódeme dicir, mira Pepe, son 16 anos de servizo á cidade, e eu non poría ningún problema, o partido sabe a miña disposición porque estou entregado por completo a algo que é fundamental, o servizo público,», explicou López Orozco nunha entrevista concedida á Cadena SER, difundida pola propia cadea.

Así, garantiu que «se alguén levanta» a alfombra do seu despacho «verá que non hai absolutamente nada irregular» e nega recibir diñeiro de Vendex a cambio dun trato de favor. «Eu podo dicirlle que a alfombra do meu despacho está perfectamente limpa dende sempre, pódese levantar antes, agora e despois», asegurou.

Deste modo, o alcalde de Lugo sostén que do que se extrae do coñecido ata agora do sumario da Pokémon, lle parece «algo forte» falar de «acusacións» cara á súa persoa, pois considera que son «presumibles deducións ou inferencias do servizo de Vixilancia Aduaneira» e espera que non estean «asumidas pola xuíza», porque son «absolutamente falsas».

Sobre a chamada para axudar a unha familia en problemas, Orozco xustifica: «É verdade que si tiven esa chamada de teléfono, pero sen pedir nin recibir nada a cambio, que quede claro, e se non queda claro, é que a Xustiza non funciona nada ben».

«Nunca me ofreceron nada nin a min, nin por persoa interposta, o único que aparece é unha chamada telefónica onde despois de facer numerosas xestións con outras empresas e, ao non aparecer a posibilidade de axudar a unha familia que o estaba a pasar mal, como o están a pasar mal, se había algo para esa persoa que estaba enferma, xa morreu», prosegue en intervención.

Por todo iso, tras recoñecer que o está a «pasar mal», di ter «a fortaleza» de saberse «inocente» e se nega a dimitir «por unha denuncia falsa», á vez que recordou que no caso Campeón acabou «desinculpado totalmente».

LIÑARES

Así mesmo, nunha entrevista concedida ao xornal EL PAÍS, Orozco refírese á súa relación cun dos principais imputados na Operación Pokémon o exconcelleiro en Lugo Francisco Liñares para asegurar que «foi un compañeiro de corporación como outros moitos». «Nunca sospeitei nada del», garante, pero tras o visto no sumario di que «dá a impresión de que tiña dúas caras».

Preguntado sobre se falou con Liñares tras a súa saída do cárcere, Orozco expresou que «só» falou con el «o día que saíu». «Pregunteille que tal estaba, como o pasara, búscate quen che defenda, un abrazo e adeus; non volvín falar con el», deixou claro.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar