A Consellería de Educación facilitará o estudo do chinés na China

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a directora do Instituto Confucio en España, Li Zhang, mantiveron hoxe un encontro no que afondaron nas posibles vías de colaboración en prol dunha mellor formación do alumnado galego na lingua chinesa. Nese sentido, o Confuncio manifestou a súa disposición a establecer bolsas para que o alumnado das Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia poida desprazarse a China a estudiar a lingua do país; e mesmo para que os galegos que desexen ser profesores de chinés poidan realizar nese país másters que os habiliten para ensinar chinés. Ademais, o Instituto Confucio comprometeuse a seguir colaborando no envío de auxiliares de conversa ás EOIs galegas, que son xa 4 este curso.

Na reunión de hoxe acordouse ademais que o alumnado galego poderá realizar as probas oficiais de certificación de chinés en Ourense, evitando desprazamentos innecesarios a outros centros de exame, oq ue favorecerá a obtención de títulos oficiais. Outro dos puntos nos que se afondou foi a posibilidade de abrir unha aula do Instituto Confuncio en Galicia, que se situaría en Santiago de Compostela. Por outra banda, ambas as partes comprometéronse a traballar para implantar progresivamente a ensinanza da lingua e cultura chinesa en todos os niveis do ensino na nosa Comunidade.

A directora do Confucio chegou onte a Galicia para participar na celebración da entrada do Aninovo Chinés organizada pola consellería de Educación nesta EOI. Na xuntanza de hoxe participou tamén o delegado territorial, Rogelio Martínez; o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; e a directora da EOI de Ourense, Nancy Casielles.

Máis oferta ante unha demanda crecente
O chinés leva experimentado un importante aumento da oferta na nosa comunidade durante os últimos cinco anos, un crecemento parello ao interese económico, social e cultural que no seo da nosa comunidade se ten cara ao país asiático. Desde o curso 2008/09 ata o actual 2013/14, o alumnado incrementouse en máis dun 85%, pasándose de 270 a 500 alumnos. Na mesma liña, o número de grupos foron dos 12 vixentes no curso 08/09 aos 36 grupos da actualidade, o que supón un incremento porcentual de máis do 165%.

Actualmente, pode estudarse chinés nas Escolas Oficiais de Idiomas de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Concretamente, a EOI de Ourense implantou con gran éxito no curso 2012/13 os estudos de chinés, o que tivo como consecuencia que este ano se ofertaran 120 novas prazas para responder ao crecente interese e que se oferten todos os niveis formativos neste idioma. Ademais, neste mesmo curso 13/14 a EOI de Vigo o chinés viu aumentada a súa oferta en 60 e na EOI de Lugo puxéronse en funcionamento 4 grupos cun total de 120 prazas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar