A Xunta crea unha canle de videos sobre o cooperativismo galego

PC Youtube

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar vén de poñer en marcha unha canle propia para as cooperativas galegas na plataforma YouTube, o almacén videográfico máis importante na internet.

O carácter audiovisual desta nova acción completa a estratexia do departamento autonómico a prol do cooperativismo galego no eido das redes sociais, que opera en Facebook, Twitter e Tuenti cun alcance mensual superior ás 55.000 persoas.

A devandita canle leva o nome das ‘Cooperativas de Galicia’, un cabeceiro adaptado ao deseño das redes sociais que integran a campaña ‘Anímate a emprender! Cooperativízate!’, e o lema explicativo: ‘A canle de vídeos do cooperativismo galego’. A páxina preséntase con preto de cen vídeos que reflicten a capacidade e diversidade da economía social galega.

Esta ferramenta pretende agrupar e dinamizar a videoteca do cooperativismo galego para facela accesible desde calquera dispositivo -xa sexa ordenador, tableta ou móbil-, en calquera punto xeográfico e en calquera momento. As posibilidades de promoción multiplícanse nunha plataforma que supera os mil millóns de usuarios mensuais no mundo e constitúe o sitio web líder de audiencia en España.

O obxectivo desta canle é converterse nunha lanzadeira audiovisual dos principios, produtos e servizos das cooperativas galegas, así como nun espazo onde poñer en valor as diferentes iniciativas de emprendemento, innovación, internacionalización e formación dun modelo destacado pola súa fortaleza con 90.000 socios e socias en Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar