En marcha o plan «Ourense é a provincia termal»

Baltar_xunta goberno Deputación Ourense
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense acordou hoxe iniciar os trámites para asinar un convenio de colaboración que terá como obxectivo a creación do “Consello Termal Ourensán”. Desta maneira, o goberno provincial toma a iniciativa no desenvolvemento do plan termal “Ourense é a provincia termal”, de cuxa execución encargarase o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Trala presentación o pasado martes do Plan Termal, agora a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense determina o inicio dos trámites para a creación do “Consello Termal Ourensán” para o cal deuse traslado aos servizos xurídicos da Deputación para que fagan os procedementos legais e administrativas oportunos.

O presidente provincial, Manuel Baltar, avoga por un convenio de colaboración asinado pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e as administracións locais da provincia que teñen un protagonismo termal, entre elas o Concello de Ourense, abríndose tamén á iniciativa privada, o sector empresarial e a universidade. “Esta é unha medida consecuente, áxil e rápida trala presentación do plan, para que teñamos canto antes un órgano que defina a execución do mesmo, e no cal as administracións asuman os compromisos xa fixados nese documento para comezar a traballar cara a presentación de proxectos no novo escenario comunitario de fondos europeos que se abre para o período 2014-2020, unha iniciativa na que iremos da man a Xunta, o goberno provincial e a cidadanía, todos xuntos coa “camiseta de Ourense” como traza de identidade para acadar o éxito deste proxecto”.

“Isto non supón –aclara o presidente- a creación de ningunha estrutura, polo cal non suporá custe algún para a institución provincial nin gasto extra de persoal”.

Especialización, novos produtos, modernas infraestruturas e promoción son as liñas estratéxicas do plan termal, orzamentado en 94 millóns de euros para situar á provincia de Ourense no mapa internacional do termalismo. Unha “especialización intelixente do termalismo”, e a necesidade de “traballar buscando a diferenciación e a evolución e modernidade do termalismo”, son os fins que se perseguen.

Neste senso, o plan pretende aproveitar e coordinar todas as infraestruturas balnearias da provincia de Ourense e crear un “termalismo corporativo” que permita realizar unha axeitada xestión de todos os recursos termais. Cultura, investigación, valorizar o patrimonio e promocionar axeitadamente o ámbito termal son tamén eidos nos que hai que afondar para que a marca “Ourense” e “Termal” vaian da man, se poda comercializar e chegue a todos os mercados, de ámbito nacional e internacional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar