Abre as suas portas «Xantar», salón internacional de gastronomía

 

Rueda_Xantar_Rubin

O vicepresidente, Alfonso Rueda, participou xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, na inauguración do XV Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, ‘Xantar 2014’. Tamén estiveron presentes no acto, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Na súa intervención, Rueda destacou que o Goberno galego comparte con esta feira a aposta por internacionalizar a gastronomía galega co obxectivo de potenciar o turismo e como vía de crecemento para a nosa economía.

Neste sentido, lembrou o apoio que se está a facer á actividade exportadora e que ten permitido obter datos récords de empresas galegas que venden a súa produción no exterior. Entre outras accións, estase axudando á contratación de persoal especializado en comercio exterior, apoiando os estudos de mercado, financiando os custes da actividade exportadora e prestando servizos en destino a través de plataformas no exterior.

Rueda_Xantar_Cuba

No caso concreto da economía galega, Rueda destacou que esta funciona como nexo de unión cultural entre galegos e pode contribuír tamén a unha colaboración comercial na que xogan un importante papel os emigrantes como “os mellores axentes comerciais” dos produtos galegos.

Por iso lembrou que fai tan só dous meses o presidente da Xunta estivo en Cuba, pais convidado nesta edición do Xantar, e falou do sector agroalimentario como un dos principais eixos nos que debería basearse a relación entre Cuba e Galicia.  Un claro reflexo disto deuse hoxe mesmo en Expourense, onde a delegación cubana no Xantar 2014 estivo encabezada pola Sociedade Cultural ‘Rosalía de Castro’ da Habana.

 

XANTAR 2014

Xantar abriu hoxe as portas da súa 15ª edición, a primeira delas como internacional avalada polo Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España. Esta cita pon en valor o papel que xoga a gastronomía como impulsor da economía, como creadora da imaxe de marca da calidade galega no exterior e como nexo cultural entre pobos, como é o caso das relacións con Cuba, país convidado desta edición.

Hoxe foi o día adicado ó país invitado que contemplou a realización dun showcooking de cociña da illa na que o chef preparou lagosta en salsa de mango, que se maridou con viños do CRDO Ribeiro, e na que a directora de Turismo de Cuba en España, Dulce Sánchez, impartiu unha presentación sobre os principais recursos deste país. As actividades vencelladas a Cuba incluiuse ademais a degustación de daiquiris e mojitos e a exhibición da artesá de patchwork, Gloria Sánchez. A participación deste país como protagonista xorde da colaboración entre o Ministerio de Turismo de Cuba e Expourense, coa intermediación da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Cuba únese así á lista de convidados especiais en Xantar, en cuxa elección se destacan os lazos que unen a historia e a gastronomía deses países cos de Galicia, como foi o caso de México, Arxentina, Francia ou Perú, que seguen tendo cada ano presenza no salón.

 

Entre o programa de actividades celebrado hoxe destacou ademais a conferencia inaugural sobre seguridade alimentaria e colaboración público-privada impartida polo conselleiro de cooperación técnica da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, (FAO), Alberto López-Asenjo. Na súa ponencia comentou datos como que en pleno século XXI hai 842 millóns de persoas que padecen subnutrición crónica e 2.000 millóns de persoas sofren unha malnutrición motivada por carencias en proteínas, vitaminas e minerais, mentres que de igual xeito,hai máis de 1.400 millóns de persoas con sobrepeso. Este relator avogou pola necesidade de crear sistemas alimentarios sostibles.

 PERSOAS MAIORES

Hoxe celebrouse ademais en Xantar o día adicado ás persoas maiores que contou coa participación de distintas asociacións de maiores e xubilados que compartiron no salón unha xornada festiva.

As actividades previstas para esta xornada inaugural inclúen ademais un acto de recoñecemento aos restaurantes galegos que conseguiron no último ano Estrelas Michelín ou Soles Repsol e a homenaxe realizada a Antonio Tabarés, que foi membro do comité asesor de Xantar e da Academia de Gastronomía de Galicia.

Arrincan así cinco xornadas adicadas á promoción da gastronomía de calidade durante as que os visitantes ó salón poderán desfrutar dos produtos e servizos dos 179 expositores, elixir entre 32 menús entre 12 e 30 euros e participar nas máis de 120 actividades organizadas.

Os obxectivos principias de Xantar son, entre outros, promover o turismo a través da gastronomía, exaltar as festas gastronómicas, reforzar a oferta gastronómica ligada ao turismo rural, e servir coma plataforma para os produtos agrogandeiros e pesqueiros de calidade das distintas denominacións de orixe

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar