Xornada informativa no Gaias sobre o Erasmus +

Vázquez_Gaias_Erasmus_2
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a xornada informativa sobre o programa Erasmus+, que ten como obxectivo explicar as características do novo programa europeo de educación, formación, xuventude e deporte para o período 2014-2020.

As xornadas están dirixidas a representantes de institucións potenciais solicitantes de financiamento para o desenvolvemento de proxectos, de todos os sectores da educación e da formación (educación escolar e de persoas adultas, formación profesional e educación superior), así como axentes sociais, responsables de cámaras de comercio, institutos de investigación, empresas, fundacións, ONG, museos, bibliotecas, autoridades locais e rexionais e outras institucións especialmente vinculadas con grupos en desvantaxe e con necesidades especiais.

Respecto do novo programa, Vázquez Abad sinalou que “no noso camiño para fomentar a educación ao longo da vida como oportunidade para todas as persoas, independentemente da súa idade ou situación, a aprendizaxe a través de programas de educación internacionais pode ter un papel clave, xa que ofrece aos cidadáns unha oportunidade fundamental para mellorar as súas cualificacións formativas, sexa cal sexa a súa situación. Erasmus+ céntrase na aprendizaxe formal e informal máis aló das fronteiras da UE, cunha clara vocación de internacionalización, abríndose a terceiros países co obxectivo de mellorar as capacidades educativas e formativas das persoas para a empregabilidade de estudantes, profesorado e traballadores”.

O conselleiro de Cultura e Educación explicou ante os máis de 350 inscritos que o obxectivo desta xornada é debuxar de xeito claro e preciso “o grande abano de posibilidades que se abre con este novo programa” e destacou que “a sociedade do coñecemento na que vivimos inmersos precisa de cidadáns que poidan desenvolver todas as súas capacidades e a súa creatividade, e a educación é a vía para facelo”.

TODOS OS DETALLES

Ao longo da xornada de hoxe os asistentes puideron achegarse as oportunidades que ofrecerá este novo programa respecto da mobilidade do persoal e dos estudantes así como no relativo á cooperación a través de asociacións estratéxicas.

Para afondar nas características, bases do programa e estrutura do novo Erasmus + e explicar os requisitos de presentación axeitado aos requirimentos das solicitudes de cada acción clave, a presentación contará coas intervencións dos expertos do Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE) Andrés Ajo Lázaro, directora da Unidade de Formación Profesional, José Manuel González Canino, Xefe de servizo da Unidade de Educación Superior e Fernando Sabio Lizaur, da Unidade de Educación Escolar-Persoas Adultas.

Os interesados poderán obter toda a información que precisen no enderezo: http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/index_es.htm [nova venta]

ERASMUS +

O Erasmus + estará destinado a máis de 4 millóns de persoas nos que, ao longo de sete anos, se investirán 14.700 millóns de euros para fortalecer os eidos da educación, a formación, a xuventude e o deporte en Europa, incrementando a partida económica nun 40% respecto da actual.

Este novo programa ten como obxectivo aumentar as competencias e a empregabilidade, así como apoiar a modernización dos sistemas de educación, formación e xuventude. Así, os principais destinatarios serán escolares; estudantes de formación profesional, de ensinanzas superiores e de formación de persoas adultas. Cómpre sinalar que Erasmus + integrará todas as iniciativas existentes no Programa de Aprendizaxe Permanente e os de educación superior internacional: Mundus, Tempus, ALFA, Edulink e programas bilaterais así como o Programa Xuventude en Acción.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar