Novas Xeracións prepara o seu congreso, no que Dorado non será candidato

Javier Dorado_Novas Xeracións PPdeG

O actual presidente de Novas Xeracións, Javier Dorado, anunciou hoxe que non se presentará como candidato á reelección da Presidencia da formación en aras da renovación e para evitar a acumulación de cargos.

Segundo Dorado, trátase dunha decisión persoal que toma porque considera que en Novas Xeracións hai persoas moi capaces e responsables ás que hai que deixarlles paso. Ademais, cre que se na política é necesaria unha renovación constante, nunha organización xuvenil aínda máis.

Así mesmo, como secretario xeral de Novas Xeracións de España e como membro do Grupo Parlamentario Popular en calidade de deputado autonómico, non considera pertinente acumular máis cargos.

CARÁCTER ASAMBLEARIO

No que atinxe ao IX Congreso da organización, que será o vindeiro 8 de marzo en Santiago, Dorado destacou que, por primeira vez na historia de Novas Xeracións en Galicia, o cónclave terá carácter asembleario. Deste forma, todos os militantes da organización que así o desexen poderán votar tanto no debate das ponencias como á hora de elixir ao candidato á Presidencia.

Ademais, Dorado apuntou que, con respecto á organización do cónclave, xa se puxo en marcha esta semana o Comité Organizador do Congreso, un equipo composto por sete persoas e presidido por Sandra Devesa, que se encargarán de todos os preparativos.

No que atinxe ás ponencias do Congreso, Dorado indicou que xa están designadas as persoas encargadas de dar forma aos tres textos que actuarán como eixo vertebrador non só do acto, senón tamén da actividade de Novas Xeracións nos próximos anos. As tres ponencias abordarán temas fundamentais tanto para a organización como para a xuventude en xeral. Así, un texto versará sobre os regulamentos de NNXX, que deben ir actualizándose conforme avanza a sociedade; outra ponencia afondará na necesidade de acurtar distancias entre os mozos e a política; e outra reflexionará sobre a relevancia do papel da mocidade no presente e no futuro de Galicia.

Así mesmo, anunciou que nos próximos días abrirase o prazo para que todas aquelas persoas que queiran presentarse como candidatas á Presidencia de Novas Xeracións presenten os seus avais, que deben ser, como mínimo, o 10% dos militantes.

O obxectivo de Novas Xeracións co seu IX Congreso é seguir mantendo a unidade e a utilidade para os máis novos que tivo ata agora e seguir sendo a organización xuvenil de referencia para os mozos e mozas de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar