A Rede Ourensá de Municipios Sostibles inicia a sensibilización cidadá

A Rede Ourensá de Municipios cara á Sostibilidade pon en marcha a partir de maña o denominado Plan Particip@, unha iniciativa coa que se pretende levar a cabo iniciativas de comunicación e sensibilización cidadá sobre a sostibilidade e as boas prácticas medioambientais nos concellos da provincia. Este proxecto, promovido pola Deputación de Ourense, é unha iniciativa pioneira en Galicia, que comeza o seu calendario de actividades mañá xoves no Barco de Valdeorras,

A finalidade do proxecto é crear “conciencia ambiental” na cidadanía. Neste senso, a rede, coordinada dende o Departamento de Medio Ambiente da Deputación de Ourense está a promover tamén un estudo de aforro enerxético; a integración de alumnos universitarios para que realicen prácticas dentro dos proxectos da rede, e campañas de sensibilización e divulgación para cidadáns co obxectivo de implicar a participación social nas prácticas sostibles.

Esta serie de actividades lévanse a cabo nunha primeira etapa –que abrangue ata o ano 2015- nos concellos da Bola, A Gudiña, A Merca, Baltar, Cartelle, Celanova, Gomesende, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Verea, e á que se poderán adherir a partir de 2015 todos os municipios da provincia que avoguen polo desenvolvemento sostible.

Ao longo de 2014 realizaranse accións dirixidas a implicar aos diferentes grupos sociais, entidades e estamentos públicos no desenvolvemento sostible local, e outras orientadas á optimización e mellora da xestión pública. Os principais obxectivos son o aforro municipal e o achegamento da poboación á xestión pública a través do intercambio de información e experiencias, propiciando así, un espazo para a reflexión e o diálogo aberto entre representantes da administración, técnicos e cidadáns da provincia de Ourense no ámbito da sostibilidade.

O “Plan Provincial Particip@” está concebido para a difusión e promoción da participación cidadá neste proxecto integral de sostibilidade. O plan inclúe foros de debate, programas de radio, obradoiros, conferencias e a creación dun “Xeoportal interactivo”, que será unha plataforma virtual a modo de punto de encontro para os axentes sociais, que permitirá o intercambio de información. O “Plan Particip@” elabora tamén un manual de boas prácticas a seguir para a posta en marcha de programas sociais adaptados para cada municipio e aplicable a cada tipoloxía de concello da provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que hai que apostar por unha “economía verde” e para elo é necesario “desenvolver iniciativas que fagan máis eficientes o uso dos recursos medioambientais nos nosos concellos”. Baltar destaca que a Deputación de Ourense é a primeira de Galicia que lidera unha iniciativa medioambiental “en rede” a prol do desenvolvemento sostible dos concellos, “por medio da cooperación e do consenso político e social, o que permitirá abordar os problemas do medio ambiente de maneira conxunta e con máis eficiencia e aforro, pensando no benestar dos cidadáns do presente e do futuro”.

As actividades do Plan Particip@ desenvolveranse ao longo do presente mes de febreiro. Mañá no Barco de Valdeorras, en horario de 10.00 a 13.00 horas habilitarse un stand na feira cunha exposición do uso da reciclaxe selectiva e unha exhibición do xeoportal interactivo, elaborado con datos do Observatorio da Sostibilidade Provincial. Asemade, informarase aos cidadáns sobre a mobilidade sostible e de como poden axudar a reducir as emisións de CO2, derivadas do transporte no seu municipio, con boas prácticas como o préstamo de bicicletas, compartindo vehículos e mesmo promovendo os desprazamentos a pé. Tamén se realizarán enquisas entre os veciños para coñecer as súas valoracións referidas a este programa e ás boas prácticas medioambientais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar