O conselleiro de Economía plantexa a biomasa como revulsivo para o sector da madeira

Conde_cluster da madeira

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha reunión con representantes do Clúster da Madeira, no segundo dos encontros que está a manter con axentes do sector para consensuar a futura Estratexia Integral de Impulso da Biomasa en Galicia. Conde salientou que esta iniciativa potenciará “unha industria con claros beneficios ambientais, enerxéticos e económicos”, impulsando un sector que na actualidade supón o 3,5% do PIB.

Durante o encontro, o titular de Economía e Industria escoitou as opinións e propostas do clúster, encabezado polo seu presidente, Alfredo Rodríguez, e destacou as posibilidades que ofrece a biomasa como revulsivo para a dinamización do monte galego.

Conde salientou que a estratexia supón un novo respaldo á industria da madeira de Galicia, e defendeu ademais a importancia do sector non só para as empresas, senón como xerador de liquidez nas familias galegas.

A cadea de valor que se ten previsto xerar da biomasa apoiará así a economía tanto das empresas madereiras como das propias familias, creando unha verdadeira industria a partir do aproveitamento enerxético con capacidade para xerar valor e emprego en todo o ciclo produtivo, desde a transformación da madeira ata a instalación de caldeiras de biomasa.

O obxectivo é a creación de polo menos 1.000 postos de traballo de aquí ao 2020, potenciando o medio rural coa conseguinte diminución do risco de incendios nos montes galegos. A activación deste plan diminuirá tamén o consumo anual de combustibles derivados do petróleo co correspondente beneficio medioambiental.

A estratexia inclúe a posta en marcha este ano, de maneira coordinada, de distintos instrumentos a través do Inega, o Igape e a Axencia Galega de Innovación, fomentando o desenvolvemento de proxectos para a implantación de equipos de xeración de calor a partir da biomasa na industria, no sector servizos, no ámbito doméstico e na propia Administración Pública.

A primeira das medidas da estratexia será impulsada polo Inega, que activará unha liña específica de 9,3 millóns de euros para a implantación de equipos de biomasa térmica, coa que se realizarán preto de 1.000 proxectos que permitirán valorizar 18.000 toneladas de biomasa cada ano. Esta aposta será acompañada polo Igape, que introducirá a biomasa como actividade preferente; e pola Axencia Galega de Innovación, que prestará especial atención aos proxectos innovadores destinados á mellora tecnolóxica empresarial do sector forestal.

Esta, destacou Conde, configúrase como unha prioridade transversal en estreita colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar, de cara ao impulso ao bosque galego como xerador de riqueza e emprego.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar