Foro de cooperativismo e autoemprego no rural ourensán

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e José Antonio Armada, alcalde de Bande.
Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e José Antonio Armada, alcalde de Bande.

A Deputación de Ourense e o Concello de Bande organizarán un foro de cooperativismo e autoemprego no medio rural. Dentro do Plan «Transforma Ourense» a deputación poñerá en marcha unha serie de foros nas comarcas da provincia de Ourense, apostando polo emprendemento e por fórmulas de éxito para a xeración de emprego como poden ser o cooperativismo e o propio autoemprego.

Así o acordaron na xuntanza que mantiveron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o alcalde de Bande, José Antonio Armanda, no Pazo Provincial. O Concello de Bande xa ven traballando dende fai tempo nunha iniciativa destas características e conta para este programa coa aprobación da Deputación de Ourense que organizará xunto co concello estas xornadas o vindeiro mes de abril.

As xornadas de cooperativismo e autoemprego trasladaranse ás diferentes comarcas da provincia de Ourense, e estarán coordinadas polo Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), dentro do Plan «Transforma Ourense», que inclúe xa entre as súas liñas de actuación un convenio asinado entre a Deputación de Ourense, a Cámara de Comercio de Ourense e a Fundación Incyde para a cooperación con empresas agroalimentarias, convenio que pode servir de complemento e apoio ás devanditas xornadas de cooperativismo e autoemprego. Precisamente, este acordo ten como obxectivo a creación e consolidación de empresas nos ámbitos agrícola e forestal e o fomento do cooperativismo e servirá para impulsar iniciativas emprendedoras en xestión agrícola e forestal.

Asemade, o Plan «Transforma Ourense» inclúe outras medidas para o desenvolvemento económico da provincia como é o acordo asinado recementemente coa Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, segundo o cal destinaranse máis de 200.000 euros para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras que melloren a competitividade das empresas ourensás e para un programa de bolsas para titulados universitarios. Isto permitirá darlle un pulo importante ás pequenas e medianas empresas da provincia de Ourense, coa finalidade de mellorar a innovación das pemes e incrementar a súa competitividade, así como favorecer a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán.

Outra das importantes achegas do Plan «Impulsa Ourense» é o Plan de internacionalización e axuda ás empresas de Ourense que está a levar a cabo o Inorde, no marco do cal recentemente tivo lugar unha xornada de internacionalización de empresas co obxectivo analizar diferentes rexións e países nos que poidan existir oportunidades de negocio para empresas ourensás en mercados en pleno crecemento e cunha forte demanda de produtos e servizos que as nosas empresas poden ofrecer.

Esta xornada, organizada polos bufetes Lawyerpress e Cortizo e polo Inorde, reuniu a técnicos experimentados en guiar a emprendedores nos seus proxectos internacionais. Os relatores pertencen a despachos de avogados especializados na análise de países ou rexións onde poden acharse oportunidades de negocio e alianzas estratéxicas para empresas. Os países obxecto desta xornada foron China, Turquía, Colombia, Brasil e Portugal.

FORO FEMININO

Finalmente, neste marco de cooperación e apoio a empresas, a Deputación de Ourense acordou estes días organizar conxuntamente o vindeiro mes de abril coa Asociación de Executivas de Galicia un foro de empredemento no que se analizará a temática do «Liderado feminino e o desenvolvemento rural sostible». O obxectivo do foro é sensibilizar e promover o emprendemento rural, especialmente no que atinxe ao ámbito feminino, tendo en conta o papel fundamental que a muller xogou sempre no desenvolvemento sostible do medio rural en Galicia. Asemade, o foro analizará o feito provocado polos cambios estruturais na sociedade que afectaron ao modo de vida agrario, provocando o desprazamento da poboación cara zonas urbanas, onde se atoparon mellores oportunidades laborais, causando así unha maior masculinización das zonas rurais.

Todas estas medidas contribúen a sensibilizar e poñer en marcha iniciativas que, en opinión de Manuel Baltar, «favorecen a creación de emprego e o desenvolvemento de políticas económicas, sempre de acordo cos datos obxectivos que nos proporciona o Observatorio Económico Ourensán, que apunta a que o desenvolvemento de medidas deste tipo pode ser unha das saídas da crise, é dicir: dinamización do medio rural, cooperación entre administracións (concellos-deputación), compartir experiencias sobre cooperativismo con destacados relatores, e explorar as áreas de éxito do mercado, como ten acontecido aquí na nosa provincia en sectores como o agroalimentario».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar