A Xunta persóase, por primeira vez, como acción popular contra tres mulleres asasinadas

 

 

Consello Xunta_300314_2

Logo de que o pasado mes de xullo a Xunta acordase personarse en todos os procesos penais de violencia contra as mulleres, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Asesoría Xurídica da Xunta xa ten solicitada a personación en tres casos de morte de mulleres, dúas delas, segundo destacou, xa aceptadas polo xulgado (Verín e Marín) e unha delas, pendente da súa aceptación (Viveiro). Trátase, polo tanto, dos primeiros casos en que a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia se persoa neste tipo de procedementos, engadiu Feijóo asegurando que “imos seguir traballando, do mesmo xeito que estamos apoiando ás vítimas para buscar axuda”.

Nese compromiso, Feijóo lembrou que o teléfono de información ás mulleres atendeu o pasado ano máis de 5.000 chamadas. E, no tocante ao apoio económico para poder garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor e así posibilitar a ruptura dunha situación na que corren perigo, subliñou que en 2013, a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu 264 axudas económicas a mulleres vítimas da violencia de xénero.

Do mesmo xeito, o Goberno galego está a prestar apoio psicolóxico, tanto para reparar os danos nas vítimas como para tentar axudar a homes con condutas violentas e que estean dispostos a adquirir novos comportamentos exentos de agresividade. En 2013, a través da colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia atendéronse 274 persoas.

No tocante ao apoio asistencial, Feijóo lembrou que con este obxectivo está a piques de entrar en funcionamento o Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CRI).

Así mesmo, referiuse ao apoio normativo coa aprobación a principios deste ano do VI Plan Galego de Igualdade entre Homes e Mulleres, e agora, abondou, “apoio xudicial”.

“Que saiban os que matan e os que asasinan que a Xunta de Galicia se personará como acción popular e estará tentando velar polos intereses das vítimas e, desde logo, das súas familias; reitero, a atención xurídica gratuíta as vinte e catro horas do día a calquera persoa que se sinta ameazada, calquera muller que se sinta ameazada pola violencia de calquera home”, incidiu.

“Imos, polo tanto, personarnos no Xulgado de Verín, polo falecemento de Fátima Machado; imos personarnos no Xulgado de Marín, polo falecemento de Isabel Pérez Fraga; e tamén no Xulgado de Viveiro, polo falecemento de María José Suárez”, concluíu Feijóo ao respecto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar