Luís Antonio Pérez, gañador do Premio de Narración Pura e Dora Vázquez

Xurado do Premo Pura e Dora Vázquez.
Xurado do Premo Pura e Dora Vázquez.

O escritor Luis Antonio Pérez (Ourense, 1966) coa obra O trasno de Bóveda e a chave máxica (presentado baixo o lema “Paula Reis Velzer”), foi o gañador da XI edición do “Premio Pura e Dora Vázquez de Narración”, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo esta tarde trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o despregue imaxinativo e a súa adecuación tanto para o público infantil como xuvenil”.

O xurado salienta asemade a importancia da narrativa coloquial da obra e o seu vocabulario, así como a narración fluída que entronca coa cultura propia de Galicia e, sinaladamente, de Ourense. Tamén destaca o xurado que se trata dunha obra que, pola súa trama, mantén unha atención constante do lector dende o principio ao fin, e, en xeral, de todos os traballos presentados salienta o alto nivel dos mesmos cualificándoos como “emocionantes”.

Segundo a normativa do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no “XI Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración”, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria para este certame dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais -non menos de dez ilustracións-, que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Luis Antonio Pérez. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e a data límite para presentar os traballos é o 30 de marzo de 2014.

O xurado do “XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración” estivo presidido por Avelino García Ferradal, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e integrado por José Manuel Fernández López, Jesús Manuel García Díaz, María Rosa González Méndez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

CONVOCADO O PREMIO DE ILUSTRACION INFANTIL E XUVENTIL

 A Deputación de Ourense convoca o “XI Premio Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, dotado con 1.500 euros, co obxectivo de recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e xóvenes, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez. Os participantes deberán presentar os traballos tomando como base o texto gañador na modalidade de narración, fallado onte, que foi a obra O trasno de Bóveda e a chave máxica, do escritor ourensán Luis Antonio Pérez, texto que deberán solicitar no Negociado de Publicacións da Deputación de Ourense, ben persoalmente ou ben por correo electrónico ao enderezo: publicacions@depourense.es.

 

Os traballos de ilustración deberán remitirse ao devandito Negociado de Publicacións tendo en conta as seguintes bases:

 – Poderán concorrer ó premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións inéditas e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XI Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración infantil e xuvenil.

 – As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte:

 – a. Ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm tamaño total incluíndo solapas, contraportada e sangue.

  – b. Ilustracións interiores: 296 x 216 mm dobre páxina con sangue.

 A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico de las administracións públicas e do procedemento administrativo común conforme ás seguintes normas:

 Os concursantes remitirán as ilustracións nun sobre pechado indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE ILUSTRACIÓN”, á seguinte dirección: Deputación Provincial de Ourense – Rexistro Xeral, rrúa do Progreso, 32. 32003 Ourense

 As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI.

 O prazo de admisión de orixinais remata o 30 de marzo de 2014.

 O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación     de Ourense (ou persoa, para o efecto, en quen delegue) e catro vocais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes da Deputación Provincial a proposta dos grupos políticos da Corporación. O xurado emitirá o seu ditame antes do 30 de abril de 2014.

 

O premio poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.

 

A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

 

Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Rematado ese prazo os que non se retiren, serán destruídos.

 

A participación nesta convocatoria require a aceptación das normas contidas nas presentes bases.

 

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais).

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar