Reeditado un libro sobre o pensamento de Risco no 50 aniversario do seu falecemento

Luís Martínez Risco, Manuel Baltar e Jesus de Juana.
Luís Martínez Risco, Manuel Baltar e Jesus de Juana.

A Deputación de Ourense presentou hoxe a reedición do libro “Aproximación ao pensamento e ideoloxía de Vicente Risco”, do que é autor o catedrático e doutor en Historia Jesús de Juana, unha publicación que conmemora os 50 anos do pasamento do escritor ourensán (1884-1963) e que en opinión do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “segue situando na actualidade o precursor da Xeración Nós e a un dos pensadores que máis fixo pola identificación de Ourense”.

A obra, en galego e castelán está reeditada dunha publicación que data de 1984, e conmemora, asemade, o centenario do insigne autor ourensán “por que todos sentimos a fonda pegada de intelectualidade e defensa do noso que deixou Risco na súa obra e na súa vida”, afirmou Manuel Baltar. Sobre o autor da publicación, Baltar dixo que Jesús de Juana deixa ben ás claras nesta obra “o seu talante de investigador” e adiantou que o profesor De Juana está a traballar xa no que será o segundo tomo da obra Galegos de Ourense.

O acto de presentación, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense contou tamén coa presenza de Luis Martínez-Risco Daviña, secretario da Fundación Vicente Risco.

A obra está prologada por Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, ademais de numerario e expresidente da Real Academia Galega.  Supón a primeira edición en galego, e ámbalas dúas edicións –galego e castelán- están ilustradas con fotografías e debuxos cedidos pola Fundación Vicente Risco.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar