Encontro en Baiona: “Salto cualitativo” da Eurorrexion Galicia-Norte de Portugal

Feijóo_Cumio Baiona Eurorexión_2

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o primeiro Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal supón un novo salto cualitativo para afianzar a súa posición de vangarda na cooperación territorial europea. Segundo dixo, esa estratexia común pon o acento sobre as metas fixadas pola Unión Europea de cara ao horizonte de 2020: o investimento inmaterial e en capital humano, o que sinalou como “a auténtica clave do histórico desenvolvemento do vello continente”.

O presidente da Xunta, que esta mañá asistiu en Baiona ao X plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, sinalou que unha das iniciativas conxuntas entre Galicia e o Norte de Portugal, o acordo interuniversitario da Eurorrexión, chamado Programa Iacobus, será “un referente e un novo modelo de cooperación universitaria europea”. Trátase, remarcou, “da semente do que debe chegar a ser o espazo común luso-galaico, un lugar onde xurdan grupos de investigación nutridos por mozos e técnicos capacitados de ambos os lados da fronteira e onde agromen spin-offs que se transfiran á empresa e medren en dimensión e diversidade”.

Na súa intervención no acto, no que se procedeu ao traspaso da presidencia da Comunidade de Traballo ao presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Emídio Gomes, Feijóo sinalou que a Eurorrexión ten por diante un período decisivo no que debe aproveitar a infraestrutura desenvolvida desde 1991 e tomar medidas que sirvan para unir aínda máis ambos os territorios e desenvolver os intereses comúns.

Así, referiuse ás iniciativas que estreitan os lazos económicos, como xa se fixo coas plataformas compartidas no eido da automoción ou no campo da investigación, a través da experiencia do Laboratorio de Nanotecnoloxía de Braga. Avogou, na mesma liña, por afianzar as relacións ambientais xa iniciadas a través da “posta en valor conxunta do Parque Gêres-Xurés”, así como por reforzar a unión cultural, por exemplo, impulsando as industrias turísticas coa promoción común do Camiño Portugués a Santiago. Con ese obxectivo avanzou que proximamente se asinará un convenio entre os concellos polos que discorre.

//////////////Cumio Comunidade Traballo Eurorexión Baiona

 


EXTRATEXIA EUROPEA 2020

Para o mandatario autonómico, a nova etapa de cooperación, marcada polo cambio no escenario orzamentario europeo, “é un punto e seguido no que, simplemente, renovamos enerxías para seguir traballando xuntos na Eurorrexión unida e perfectamente aliñada cos obxectivos da Estratexia Europea 2020”.

Nese sentido, destacou que o Plan de Investimentos Conxuntos, ademais da cooperación entre administracións, concorda coa folla de ruta comunitaria, ao poñer o lente sobre o investimento en capital humano, para reducir drasticamente o abandono escolar e mellorar a formación das novas xeracións, “apostando ao tempo con determinación pola investigación e a innovación como ferramentas básicas para a imprescindible mellora da competitividade económica”.

Alberto Núñez Feijóo indicou que o Plan é froito “dunha tarefa tenaz, rigorosa e metódica desenvolvida conxuntamente en Bruxelas por Galicia e Portugal desde 2010, na procura dos fondos europeos necesarios para avanzar na estratexia de cooperación no novo escenario orzamentario”. Por ese motivo, considerou que a decisión da UE de aumentar nun 30% os fondos destinados á cooperación territorial no novo período supón “unha declaración de intencións que convida ao optimismo sobre a validación por parte das autoridades comunitarias do noso Plan de Investimentos Conxuntos e, polo tanto, sobre a posibilidade de dispor de cofinanciamento para materializalo”.

CONTRIBUCION Á CONSTRUCCIÓN EUROPEA

O titular do Executivo galego defendeu a contribución da Eurorrexión á construción do proxecto europeo e afirmou que Galicia e o Norte de Portugal “temos traballado para blindar a Eurorrexión do escepticismo”.

Froito do traballo destes anos é, para o mandatario autonómico a existencia hoxe dunha Eurorrexión “máis ampla, na que cren e se integran cada vez máis cidadáns”, coa unión de Castela-León e o proxecto en marcha para a incorporación de Asturias e da zona centro de Portugal. “Deste xeito –manifestou- temos sido capaces de ir configurando unha macrorrexión de referencia en Europa, que alcanzará 12,5 millóns de habitantes e unha superficie de 184.000 quilómetros cadrados”.

 

 

Xunto con isto, resaltou que hoxe contamos cunha Eurorrexión máis organizada e eficiente, grazas á consolidación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial que iniciou a súa andaina hai catro anos e que está cumprindo coa súa obriga de adecuarse aos novos regulamentos comunitarios e de impulsar programas conxuntos.

Feijóo destacou, ademais, o avance cara a unha cooperación de proximidade, coas eurocidades de Verín-Chaves e Tui-Valença, cuxa incorporación como membros da Comunidade de Traballo se someterá hoxe á votación do plenario.

MAIOR CAPACIDADE FINANCIAMENTO DA EUROREXIÓN

O presidente da Xunta subliñou a maior capacidade de financiamento actual da Eurorrexión e enfatizou a “constancia e a determinación coa que temos traballado todos no seo do Comité das Rexións”, o que permitiu que, no caso de Galicia “poidamos seguir mantendo fondos estruturais a pesar de deixar de ser obxectivo prioritario en Europa e, ademais, puideramos incrementar os fondos transfronteirizos”.

Finalmente, Feijóo puxo en valor a mellora nas comunicacións no seo da Eurorrexión, e asegurou que estamos “no camiño de remover as eivas e os obstáculos que a constrinxían, tanto na rede de autoestradas (solucionado xa o problema das peaxes) como especialmente no que se refire á rede ferroviaria e a facer realidade a aspiración de que Vigo e Porto estean conectadas por tren en menos de hora e media”. Nese sentido, salientou o compromiso do Goberno portugués de investir 100 M€ para mellorar a liña desde Porto no horizonte de 2017, e xa para este 2014 o compromiso do Goberno de España de rematar o Eixo Atlántico do AVE.

Así mesmo, no tocante á liña entre Nine (Braga) e Tui, Feijóo lembrou a vontade do Ministerio de Fomento –de acordo coa carta remitida pola ministra o pasado 14 de xaneiro á Xunta- de adecuar o tramo galego entre Guillarei e Tui de xeito simultáneo a Portugal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar