Quintana amósase satisfeita polo reparto da PAC

Rosa Quintana, na Radio Galega.
Rosa Quintana, na Radio Galega.

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, amosouse satisfeita pola repartición de fondos da Política Agraria Común (PAC) realizada na última conferencia sectorial de agricultura, ao tempo que pedido a algúns sindicatos agrarios que “deixen de enganar a xente”.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, difundida pola propia cadea, Quintana subliñou que “se conseguiu un traballo moi equilibrado” para Galicia e para toda a agricultura en España”, á vez que remarcou que no período 2014-2020 “se ten máis diñeiro que no período anterior” no tocante ao desenvolvemento rural.

“Galicia pode dicir moi orgullosa de si mesma que, por fin, ten unha Política Agraria Común que vai propiciar os camiños necesarios para que a xente mire ao rural”, defendeu.

Ante as críticas dalgúns sindicatos agrarios e organizacións profesionais aos criterios establecidos para a repartición dos fondos da PAC, como é o caso da definición de agricultor activo –fixada agora naquela persoa que reciba como mínimo un 20 por cento das súas rendas do traballo no campo– Quintana argumentou que se optou por prudencia por esa porcentaxe, no que considera unha “posición intermedia”, o que “é unha postura tamén consensuada coa UPA a nivel nacional”.

Neste sentido, Quintana afirmou que “o único” que lles pide ás organizacións agrarias “é que pensen en defender os intereses do sector e deixen de enganar a xente”. Cuestionada sobre se vai intereses políticos máis que sectoriais nesas críticas, Quintana asegurou: “Entendo que algo diso hai porque de momento aínda ninguén deu un dato”.
NOVO PLAN DE DESENVOLVEMENTO RURAL

Así mesmo, avanzou que o novo Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia –folla de ruta que guía os investimentos– será presentado no consello de la Xunta a finais do mes febreiro.

Sobre este plan, apuntou que, “na próxima semana, se intentará pechalo na Consellería” despois de que as primeiras liñas deseñadas sexan “presentadas ao Ministerio e á Comisión que, en principio, valoraron moi positivamente todas as liñas nas que se está a traballar”. “Espero, sinceramente, acertar e que a maioría dese diñeiro vaia para xerar riqueza no rural”, engadíu.
GRUPO DE TRABALLO LÁCTEO EN 2016

Ademais, a conselleira informou de que a petición de Galicia, o Goberno central vai constituír un grupo de traballo a partir do 1 de xaneiro de 2016 para “avaliar o impacto que vai ter sobre o sector lácteo a desaparición das cotas lácteas en marzo de 2015”.

Así, se houbese que facer “algunha modificación nos criterios de repartición” poder levalo “á Comisión antes de agosto de 2016”, apunta Quintana.

Precisamente sobre a desaparición do sistema de cotas, Quintana admitiu que “queda moito por facer” e que “o lácteo ten que organizarse mellor” para “superar o minifundismo” e intentar “buscalo un maior valor engadido aos produtos”.
COTA XARDA

Sobre a negociación da repartición da cota da xarda no Cantábrico noroeste, Rosa Quintana admitiu o complicado da negociación, pero di confiar en que Galicia consiga os seus obxectivos.

“Ás veces máis vale pechar un acordo que non nos satisfai ao cen por cen pero que che permite deseñar un novo futuro”, xustificou, ao tempo que deixou claro que “Galicia vai intentar ata o último momento chegar a ese acordo”. “E creo que o imos conseguir”, apostilou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar