Baltar, partidario de aproveitar “o potencial endóxeno de Galicia” no novo período de fondos europeos

Baltar; Rueda e Louzán no cumio da eurorrexión en Baiona.
Baltar; Rueda e Louzán no cumio da eurorrexión en Baiona.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu no Parador de Baiona (Pontevedra) ao X Plenario da comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, no que se debate sobre o Plan de investimentos conxuntos 2014-2020 da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Baltar considera que neste novo período que se abre “temos que aproveitar o potencial endóxeno que temos en Galicia, e, sinaladamente, sectores como o do termalismo e o turismo cultural, para atraer proxectos que xeren emprego e valoricen o noso”.

O plenario debateu aspectos como o plan de investimentos conxuntos da eurorrexión, a cooperación territorial europea no marco da estratexia Europa 2020, e expuxo diversas experiencias de cooperación, ademais de facer balance das actividades desenvolvidas no marco desta comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal.

Manuel Baltar afirma que a cooperación en todos os ámbitos é o obxectivo entre os diferentes axentes da eurorrexión “para que sigamos asumindo ese compromiso de colaboración conxunta e levar a cabo proxectos que valoricen o noso entorno e melloren as condicións de vida e o benestar dos cidadáns que viven na eurorrexión, no novo período que se abre ata o ano 2020”.

O presidente provincial destacou que este plenario “é de utilidade para o coñecemento, planificación e debate sobre o próximo período de fondos europeos e permitiranos saber como aproveitar mellor estes recursos que pon ao noso alcance a Unión Europea”, e considera que este ano se produce “un punto de inflexión co fin dun período e comezo do 2014-2020, unha nova etapa que temos que iniciar coa clarividencia que outorga a experiencia e sumando identidades para conseguir que os nosos territorios sigan avanzando cara un rol de liderado”. A cooperación transfronteiriza é, segundo Baltar, “un dos medios máis eficaces para aproximar poboacións fronteirizas e para o seu desenvolvemento”.

Neste senso, días pasados a Deputación de Ourense e a consultora Pricewaterhouse Coopers asinaron unha alianza estratéxica para atraer proxectos europeos a Ourense. O acordo ten como obxectivo a busca de recursos que favorezan a creación de emprego baseándose no potencial da nosa provincia nos ámbitos termal e turístico, entre outros. O acordo inclúe o asesoramento e realización de proxectos por parte de PwC no novo marco comunitario que se abre no período 2014-2020. Trátase dun labor de consultoría integral para a sondaxe, busca e planificación de iniciativas da man desta compañía internacional especializada na xestión de fondos europeos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar