A web da Xunta localiza xa máis de 6.000 recursos sanitarios, educativos e culturais

260114 ServizosMapa3

A aplicación do portal da Xunta “Servizos no mapa” dispón xa de máis de 6.300 equipamentos e servizos da Administración pública (culturais, educativos, sanitarios…) tanto autonómica coma estatal e local. O acceso a “Servizos no mapa” está dispoñible no portal corporativo, en eServizos! ou na ruta http://www.xunta.es/servizos-no-mapa.

Desde a súa posta en marcha en setembro incorporáronse a esta ferramenta máis de 2.000 recursos, incrementado o tipo de servizos de 13 a 21 a día de hoxe. “Servizos no mapa” permite localizar de xeito sinxelo os distintos servizos realizando buscas por palabras, provincias e concellos, tipos de servizos e temáticas destes.

Ademais, para cada tipo de servizo, dispón de iconas específicas sobre as que se pode premer para consultar os datos relacionados con cada recurso (enderezo, teléfono, correo electrónico, páxina web, horario…).

 

NOVOS SERVIZOS
Servizo no mapa ofrece ao usuario unha nova funcionalidade que permite coñecer a posición física do cidadán (xa sexa a do seu ordenador ou a dun dispositivo móbil) para informalo de cales son os servizos ou equipamentos que están máis cerca do lugar no que se atopa.

Os novos servizos incorporados permiten acceder a información detallada e datos de contacto das oficinas de emprego, as casas consistoriais, os edificios da Administración de Xustiza, centros sociais, centros para persoas con discapacidade, para a infancia, para persoas maiores e para a inclusión social.

260114 ServizosMapa1

 

Estes datos súmanse aos que xa ofrecía “Servizos no mapa” sobre Centros Educativos; Farmacias; Centros de saúde; de Hospitais e centros de especialidades; a Rede de arquivos de Galicia; da Rede de Aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), da Rede de Bibliotecas de Galicia; das Oficinas de Rexistro e Información da Xunta de Galicia; dos Museos e coleccións visitables do Sistema Galego de Museos; das Oficinas de turismo; dos Centros de Información á Muller e das Oficinas do Instituto Galego de Consumo.
Entre os novos recursos que se facilitarán proximamente a través desta a aplicación están, os puntos limpos do Sistema de Información de Residuos de Galicia, as estacións de autobuses e trens, as Oficinas Agrarias Comarcais e as Estacións de Inspección Técnica de Vehículos.

DEZ MILLÓNS DE VISITAS EN 2013
A incorporación deste novo servizo á www.xunta.es enmárcase no novo concepto de web corporativa que se impulsou en 2011 tras a renovación do portal, deixando atrás o concepto de web institucional para converterse nun espazo de información e servizos máis orientados ao cidadán.

Este portal recibiu en 2013 máis de 10 millóns de visitas de 140 países, e é o terceiro máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar