A Deputación de Ourense asina unha alianza estratéxica para atraer proxectos europeos

Manuel Baltar, cos responsables de Pricewaterhouse.
Manuel Baltar, cos responsables de Pricewaterhouse.

O acordo ten como obxectivo a busca de recursos que favorezan a creación de emprego baseándose no potencial da nosa provincia nos ámbitos termal e turístico, entre outros.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou un compromiso de colaboración con Pricewaterhouse Coopers (PWC), unha das máis prestixiosas compañías no ámbito internacional da consultoría de negocio, para o asesoramento, planificación e realización de proxectos no novo marco comunitario que se abre no período 2014-2020. Trátase dun labor de consultoría integral para a sondaxe, busca e planificación de iniciativas da man desta compañía especializada na xestión de fondos europeos.

En opinión do presidente provincial “ábrese unha nova etapa de colaboración na Deputación de Ourense para os vindeiros seis anos, que permitirá achegar proxectos que aporten valor á nosa provincia, como xa o veñen realizando outras deputacións e mesmo outros gobernos autonómicos en España co asesoramento de empresas consultoras, e en Ourense incidiremos nas potencialidades da nosa provincia para que sexa incluída nas partidas que destinan os fondos comunitarios, sinaladamente nos ámbitos termal, do turismo cultural e da xeración de emprego”.

Na reunión, que tivo lugar na sede nacional de Pricewaterhouse Cooper en Madrid, Manuel Baltar entrevistouse cos directores das áreas de negocio da compañía, encabezados polo seu presidente, Enrique Fernández Miranda, e asinou o acordo co director de Área de Recursos Europeos, Pablo Macías Bou. Baltar considera que este acordo “supón unha alianza estratéxica na que se abre unha nova etapa, enmarcada neste ano 2014, protagonizado pola reforma da Administración Local, na que se poñen os piares básicos para a consecución de proxectos por parte da Deputación de Ourense que atraian competitividade á nosa provincia e aos nosos cidadáns e empresas”.

“PROPOSTA DE VANGARDA”

O presidente e directivos de Pricewaterhouse cualificaron de “proposta de vangarda” a iniciativa que está a desenvolver o goberno provincial baseada no concepto de “Provincia intelixente” de Manuel Baltar, convertendo á deputación no “concello de concellos”, como unha ampla plataforma de prestación de servizos para os pequenos e medianos municipios -que na provincia de Ourense son 91 dos 92 concellos, agás a capital- no ámbito do medio ambiente, económico, dos servizos sociais e das infraestruturas. Servizos cuxa xestión se verá axilizada coas melloras tecnolóxicas que está a implementar a Deputación de Ourense e que permitirán ter a “administración no peto”, a pocket administration, a través da cal os cidadáns e os concellos poderán facer trámites xestións directamente dende dispositivos móbiles.

A Deputación de Ourense sitúase así, en opinión dos directivos de PWC, como un apoio imprescindible e un referente nacional de administración moderna, non só no eido termal e turístico senón tamén nos ámbitos de prestación integral de servizos que demandan os concellos que contan con menos capacidade de xestión orzamentaria e de persoal.

O acordo asinado entre o goberno provincial e PWC é unha alianza de colaboración para xerar iniciativas relevantes para a provincia de Ourense e favorecer a cooperación pública, institucional e empresarial. Nesta mesma liña, recentemente o goberno provincial asinou coa Deputación de León un acordo para poñer en valor o turismo sostible, potenciar o emprego xuvenil e favorecer a creación de “empresas verdes”, vencelladas co medio ambiente e co turismo accesible, ecolóxico e sostible. Este proxecto, denominado “Empleaverde” está financiado polo Fondo Social Europea a través da Fundación Biodiversidade, coa colaboración das deputacións de Ourense e León, e ten como finalidade a realización de actividades para a profesionalización e creación de emprego no ámbito do turismo sostible e de natureza.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar