Feijóo reivindica en Barcelona a xestión realista do Partido Popular

Feijóo, en la convención del PP de Cataluña
Feijóo, en la convención del PP de Cataluña

O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a xestión realista dos populares porque “a crise non se supera a bandeirazos”.

Así se expresaba o dirixente popular galego nun coloquio sobre Unha xestión autonómica eficaz no seo da Convención do PPC en Barcelona. Alí, Feijóo facía fincapé en que, aínda que poida que o sentimento independentista dalgúns cataláns non sexa mentira, está baseado nunha mentira que, antes ou despois, acabará caendo polo seu propio peso.

Para o dirixente popular, ser galegos ou ser cataláns é unha forma de ser españois, sen problemas nin rupturas. Por iso, cre que tanto ruído na actualidade non nace do pobo catalán senón motivado por gobernantes incapaces de afrontar a crise económica e que, excedidos polas dificultades, pensaron en matar moscas a cañonazos.

FORMAS DE AFRONTAR UNHA CRISE

O líder do PPdeG fixo fincapé en que un político só ten dúas opcións para afrontar unha crise económica. Unha delas é centrar todos os esforzos en distorsionar a realidade, como fixeron os que negaron a crise ou inventan unha Cataluña paralela na que todos os seus problemas son responsabilidade dunha España figurada.

Baixo a opinión do líder popular, ocultarse en entelequias é unha opción ante un momento de crise como este, pero nin garante a supervivencia política nin garante a mellora de ningún país. A crise non se resolve a bandeirazos e, por iso, desexa para Cataluña outro destino: o seu acerto non está na independencia da súa realidade actual.

Con respecto á segunda alternativa que ten un dirixente para afrontar a crise, Feijóo puxo como exemplo o camiño que o Goberno galego elixiu en 2009, que é o que segue agora o Goberno central. Baséase en dicir sempre a verdade aos cidadáns sobre a situación que viven, non cruzarse de brazos nin evitar poñer en marcha medidas necesarias e non tentar tapar un gran problema xerando un enorme.

Grazas a esta forma de xestionar, neste primeiro ano da lexislatura Galicia aprobou dous orzamentos e 12 leis de proxectos enviados pola Xunta, mentres que Cataluña acaba de aprobar o seu orzamento e en todo 2013 só aprobou unha lei.

Feijóo tamén especificou os mellores resultados de Galicia respecto de Cataluña no cumprimento do déficit, a evolución da débeda, as exportacións, o pago a provedores ou o índice de produción industrial.

Os populares galegos, por tanto, non fixeron o que fixo o PSOE en Cataluña e en España, nin o que agora fai Converxencia i Uniu coa comparsa dos nacionalistas e dalgúns membros do PSC. O PP afrontou a realidade e por iso agora, despois de moito esforzo e aínda sen chegar ao final do camiño, Galicia e España están mellor, como comezan a reflectir os indicadores e como recoñecen xa todos os analistas internacionais.

CATALUÑA EN GALICIA

O dirixente popular afirmou que ningún galego ten reparo algún en admitir que Cataluña influíu moito no que son. Ao contrario: senten orgulloso diso xa que, pola súa historia, son un pobo aberto a recibir influencias e a incorporalas na seu ser colectivo. De feito, puxo como exemplo ao escritor Alfredo Brañas, que concibiu as súas ideas en Galicia pero viu como frutificaron en Cataluña, influíndo no desenvolvemento do catalanismo.

Neste sentido, Feijóo puxo en valor que o que atraía aos galeguistas de Cataluña no pasado era a súa modernidade, a súa apertura, a súa capacidade para conciliar o tradicional co innovador, a súa unidade como pobo, ou a súa visión de Europa como permanente referencia. Con respecto a isto, mostrouse seguro de que esa Cataluña non se perdeu no medio de debates estériles.

O presidente do PP galego considera que Cataluña comparte con Galicia a idea de conciliar o propio, cun entorno español e europeo que se ve como algo enriquecedor. Por iso, fixo fincapé en que se en Galicia se tiveran levantado muros impediríase dúas boas noticias económicas como as que xurdiron recentemente: a suma de Banesco ao proxecto de Novagalicia Banco ou o compromiso de Pemex co sector naval galego.

APRENDER DA HISTORIA

Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que nin Cataluña nin Galicia son o que eran no século XVIII, ou nos anos trinta do século pasado, nin tampouco o é España. Por tanto, un político responsable non pode ter como aliados, ou adversarios, a espectros. Neste sentido, destacou que a España actual nace en 1978, sen batallas nin sucesos funestos, como unha obra de arte de todos os españois e que todos os pobos conforman.

Por este motivo, criticou que algúns pretendan facer crer aos cidadáns que a súa rebeldía é contra unha nación absolutista e arcaica, cando esa nación xa non existe.

O presidente do PPdeG subliñou que estamos nun mundo de lazos, de pontes e de vínculos e quen queira rompelos sitúase no pasado, coma se non aprendese nada de nosa propia historia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar