O PPdeG atribue aos socialistas incapacidade para resolver o conflicto de Ourense

A voceira do PPdeG, Paula Prado, afirmou hoxe que Ferraz desembarcará en Galicia o venres para intervir o PSOE galego e para solucionar os problemas internos a raíz da crise do goberno de Ourense que non é capaz de arranxar a dirección autonómica. A dirixente popular puxo en evidencia deste xeito cómo a dirección do PSOE en Madrid lle quita competencias a José Ramón Gómez Besteiro pola súa ineficacia á fronte do partido en Galicia. Para Prado, o risco de facer política vivindo de perfil, como Besteiro, é que hai outras persoas que si están dispostas a falar de cara, poñendo en evidencia a quen non o fai. Así, dado que Besteiro non quixo intervir na crise de Ourense, agora farao Rubalcaba. Segundo fixo fincapé a dirixente popular, a Besteiro puxérono en evidencia cinco concelleiros na cidade cuxo alcalde é o único rexedor incluído na súa Executiva. Neste senso, Prado ironizou dicindo que despois de moito augurar os socialistas galegos que España tería que ser intervida resulta que finalmente a quen teñen que intervir é ao PSOE galego. Por outra banda, a voceira do PPdeG cre que o diñeiro que a Presidencia da Deputación de Lugo autorizou que se gastara para pagar dúas multitudinarias comidas para UGT debe ser devolto aos cidadáns lucenses. Neste senso, dixo que os populares non teñen inconvinte en que sexa o PSOE galego o que abone os máis de 7.000 euros que se gastaron en costear as comilonas. Así mesmo, a voceira do PPdeG reiterou que Besteiro debe dar explicacións urxentemente sobre este asunto e instouno a aclarar se consentiu estas prácticas para render homenaxe ao modelo de Griñán en Andalucía e asegurou que Galicia non consentirá que Besteiro importe esa forma de xestionar o diñeiro público á nosa comunidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar