Rueda salienta as posibilidades do fondo de compensación ambiental

Rueda, en Cambados.
Rueda, en Cambados.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá as obras da cuberta do Pazo de Torrado, en Cambados, que se realizaron o pasado ano con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do inmoble. Na súa visita, Rueda estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do alcalde de Cambados, Luis Aragunde.

Concretamente, as obras consistiron na restauración e acondicionamento da cuberta, xuntando ao mesmo tempo a aposta pola eficiencia enerxética e o respecto ao carácter histórico que ten o edificio. Con ese obxectivo, a Vicepresidencia e o Concello realizaron as obras de mellora cun orzamento de preto de 40.000 euros.

Rueda destacou a colaboración entre o Goberno galego e os concellos para poder levar a cabo este tipo de actuacións, que aínda que en principio parecen menores, inciden directamente nas cidades e nos seus veciños, e indirectamente tamén axudan a sanear ás arcas municipais.

No caso de Cambados, a axuda da Xunta permitiu mellorar o estado do Pazo Torrado para uso de todos os cambadeses; proseguir na recuperación do Patrimonio Histórico galego -e cambadés-; lograr unha maior eficiencia enerxética; e acadar así un aforro que repercute directamente no beneficio de todos os veciños.

Fondo de Compensación Ambiental
O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha en 2010 co fin de que os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotación da enerxía eólica, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico. Só na provincia de Pontevedra o ano pasado financiáronse con cargo a este fondo unha trintena de proxectos nos que se investiu preto dun millón e medio de euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar