Ourense: Foro de emprendemento sobre a muller e o desenvolvemento rural

Baltar_Carla Reyes

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe unha reunión de traballo no Pazo Provincial coa presidenta da Asociación de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, na que acordaron a realización conxunta, o vindeiro mes de abril, dun foro de empredemento no que se analizará a temática do “Liderado feminino e o desenvolvemento rural sostible”. O obxectivo do foro é sensibilizar e promover o emprendemento rural, especialmente no que atinxe ao ámbito feminino, tendo en conta o papel fundamental que a muller xogou sempre no desenvolvemento sostible do medio rural en Galicia. Asemade, o foro analizará o feito provocado polos cambios estruturais na sociedade que afectaron ao modo de vida agrario, provocando o desprazamento da poboación cara zonas urbanas, onde se atoparon mellores oportunidades laborais, causando así unha maior masculinización das zonas rurais.

A xornada, que se desenvolverá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” contará con relatorios sobre “Muller e desenvolvemento rural”, “Modelos de negocio sostibles no medio rural” e “Políticas públicas para o desenvolvemento rural”, ademais de contar con experiencias de casos de empredemento feminino nos sectores da agricultura e a gandería ecolóxicas, o turismo sostible, o ocio no entorno rural e o cooperativismo como modelo de desenvolvemento rural.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar