A facturación da industria cae en Galicia medio punto

A cifra de negocios na industria caeu un 0,5% en novembro en Galicia, en termos interanuais, e encadea catro meses á baixa, mentres que a entrada de pedidos descendeu un 1,9% no undécimo mes do ano, co que suma tamén catro meses en negativo, de acordo cos datos difundidos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En toda España, a cifra de negocios da industria descendeu un 3,4% o pasado mes de novembro respecto ao mesmo mes de 2012, mentres que as entradas de pedidos do sector retrocederon un 5,1% en taxa interanual.

Co dato de novembro, a facturación da industria e as entradas de pedidos encadean catro meses en negativo despois de rexistrar descensos interanuais do 2,4% e do 3,8%, respectivamente, durante o pasado mes de outubro.

Así, a cifra de negocios da industria empeorou en novembro a súa taxa interanual un punto respecto ao mes de outubro, en tanto que os pedidos do sector rexistraron unha taxa interanual case 1,5 puntos inferior á do mes anterior.

Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria descendeu un 0,5% en novembro en taxa interanual, mellorando en máis de catro puntos o rexistro de outubro (-4,8%), mentres que os pedidos do sector baixaron un 2,2%, fronte ao -6,2% do décimo mes do ano pasado.

No caso de Galicia, o descenso do 0,5% rexistrado en novembro na cifra de negocios é o segundo menor de entre as comunidades que experimentaron caídas (por detrás do 0,3% de Cantabria). Non obstante, dúas autonomías lograron cifras positivas ese mes: Asturias (un 9,8%) e Valencia (un 3,5%).

Deste modo, a facturación experimentou en novembro en Galicia un retroceso do 5,2% en relación a outubro, pero bota unha media anual dun 0,5% de incremento.

En canto á entrada de pedidos, a caída de Galicia é tamén a segunda máis contida e solo é menor a de Andalucía (caeu un 1,3%), pero tamén neste caso varias comunidades lograron incrementos (Castilla-La Mancha, Navarra, Aragón e Comunidade Valenciana).

Na comparación respecto a outubro, a caída na entrada de pedidos é do 7%; mentres que a media no que vai de ano mostra un descenso do 1,7% neste apartado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar