Vázquez Abad abre no Gaiás o debate “Europa creativa 2014-2020”

Vázquez_Gaiás_Europa Creativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a xornada informativa sobre o programa de financiamento ‘Europa Creativa 2014-2020’, que ten como obxectivo explicar as características do novo plan comunitario e as súas liñas de subvención.

Vázquez Abad explicou antes os máis de 350 inscritos que o obxectivo desta xornada é “analizar unha nova iniciativa destinada a impulsar os distintos sectores das industrias culturais e creativas, de xeito que os profesionais galegos poidan tirarlle todo o partido, chegando a novos mercados, seguindo o ronsel dos programas Cultura e MEDIA e que levan vinte anos dando apoio a un sector que supón un 4,5% do PIB Europeo”.

En palabras do titular de Cultura e Educación, “a identidade de Galicia ten hoxe o soporte de profesionais de primeiro nivel, que saben dinamizar o seu traballo con propostas culturais propias respecto das grandes correntes que vinculan as culturas do mundo”, engadiu. Neste sentido, o conselleiro animou a todos os participantes a “aproveitar esta oportunidade para explotar os nosos activos e espallar a nosa cultura”.

Coñecer o novo marco de financiamento europeo
Europa Creativa é o novo plan de financiamento da Unión Europea para o período 2014-2020 destinado a impulsar todos os sectores das industrias culturais e creativas. Este programa procura prestar apoio aos profesionais europeos que traballan nos diferentes ámbitos da cultura e dos sectores afíns, a través de subvencións a proxectos de cooperación transfronteiriza, redes de ámbito transnacional, mobilidade de artistas e obras, e tradución e promoción de obras literarias.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación organiza esta xornada para orientar a todos os profesionais do sector cultural, empresas, organismos e entidades tanto públicas como privadas –administracións públicas, fundacións, asociacións, empresas, consultoras e produtoras culturais– que estean interesadas en coñecer o novo marco de financiamento europeo.

Para afondar nas características deste novo programa e nas vías para poder acadar financiamento, o evento contará coas intervencións do responsable do Punto de Contacto Cultural do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, Augusto Paramio; e da técnica de Asuntos Culturais Europeos da Consellería de Cultura e Educación, Mar Nogueira.

A xornada completarase cunha mesa redonda sobre boas prácticas na cooperación cultural europea, na que participarán Eva Mejuto, de OQO editora; Xulio Gómez, que presentará o proxecto European Acoustic Heritage; e Irene García e Xosé A. Neira Cruz, que falarán de campUSCCulturae.
Tema: Cultura

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar