Detido en Ribeira un narcotraficante arousán disfrazado

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Ribeira detiveron un histórico narcotraficante fuxido dende 2007, G.F.F., de 48 anos de idade, natural e veciño de Vilanova de Arousa, alcume ‘Mito’ e ‘Músico’.

A Policía indicou este xoves, nun comunicado, que ‘Mito’ se atopaba fuxido e tiña unha orde de busca, detención e ingreso en prisión pola Sección Un da Sala do Penal da Audiencia Nacional de data 7 de agosto de 2007, por estar implicado na ‘Operación Tejo’ de 2004, na cal foi interceptado en alta mar o barco ‘Lugo’ con varias toneladas de cocaína.

A devandita operación, segundo recorda a Policía, foi realizada polos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e, no seu transcurso, foron detidas polo menos sete persoas entre as que se atopaban, ademais, de ‘Mito’, os barbanzanos J.M.R.S. e L.P.R..

As mesmas fontes indicaron que a droga intervida pertencía ao cartel colombiano Del Valle, controlado polas FARC. A partir da orde de detención ditada pola Audiencia Nacional, non se volveu ter noticias do narco fuxido ata que “hai uns días se detectou a súa presenza” en Ribeira.

A Policía indicou que utilizaba unha identidade falsa e cambiaba a súa fisionomía — usaba perruca, lentes e outros elementos — . Este mércores 15 de xaneiro estableceuse un dispositivo policial que deu como resultado a súa detención no centro de Ribeira, cando se atopaba diante dun establecemento hostaleiro rexentado pola súa parella sentimental.
PERRUCA

No momento do arresto o detido levaba unha perruca e uns lentes postos, “o que lle cambiaba por completo a súa fisionomía”, segundo sinalaron as mesmas fontes policiais, que precisaron que, ademais, ía indocumentado e facilitou aos axentes “un nome falso”.

Por iso, os axentes procederon a confirmar a súa identidade a través das pegadas dactilares. Ao detido cónstanlle dous arrestos anteriores; un por un delito contra a propiedade e detención ilegal e a outra por trafico de estupefacientes. O detido foi posto a disposición do xulgado de garda de Ribeira

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar