O conselleiro Conde asegura que “a posible liquidación de Pescanova non está na axenda”

Conselleiro Francisco Conde

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asegurou este mércores que “a posible liquidación de Pescanova non está na axenda en ningún caso” e instou acredores, banca, investidores e consello de administración a buscar un acordo “o máis pronto posible”.

Preguntado ao respecto tras presentar en rolda de prensa varias liñas de axudas a empresas, Conde pediu “altura de miras” a todas as partes que deben negociar a proposta de convenio para superar o concurso de acredores, co fin de lograr canto antes un pacto que dea “viabilidade” á multinacional, unha empresa que “é viable tal como está concibida”, segundo o informe de Price Waterhouse Coopers (PwC).

“O importante é que tanto acredores, como a banca e os investidores e o consello de administración poidan identificar un proxecto viable que conte co apoio de todas as partes e se garanta a viabilidade da empresa e os postos de traballo”, incidiu o conselleiro.

Conde manifestou que o Goberno galego segue “con moito interese” o proceso do concurso de acredores, que se atopa na fase que “consiste en chegar a unha proposta de convenio que permita a viabilidade da empresa”. O proceso, agregou, é o “habitual”.

Así, insistiu en que espera “un esforzo por parte dos acredores, por parte da banca e por parte do propio consello de administración e os posibles investidores” para lograr ese acordo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar