Novo hospital público para Ourense

Consello Xunta_16012014

 

 

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras o Consello, a adxudicación das obras de ampliación do Hospital público de Ourense, que teñen así xa “data de inicio, primeiro trimestre deste ano, e data de finalización, mediados do ano 2016”, é dicir, 23 meses de prazo de execución.

Feijóo salientou que a situación de solvencia é o que lle está a permitir á Comunidade modernizar os distintos hospitais públicos da rede do Sergas. E, neste sentido, lembrou que ese compromiso se ten completado ou iniciado en todas as grandes infraestruturas: rematado o hospital de Lugo; en plena execución o de Vigo; en tramitación o de Pontevedra; a piques de entregarse a ampliación de urxencias do Hospital da Coruña; desbloqueada tamén a ampliación do Hospital Público do Salnés e planificada a ampliación do Hospital Público da Mariña (Hospital da Costa); “e hoxe, cumprimos co compromiso de iniciar no primeiro trimestre de 2014 a agardada ampliación do Hospital Público de Ourense”.

A Xunta vén de adxudicar a obra de hospitalización do CHUO por un importe algo superior aos 41 millóns de euros, o que supón un aforro de algo máis de 16 millóns de euros con respecto ao importe de licitación, é dicir do 28%.

Feijóo lembrou que a primeira fase do plan para o Hospital Público de Ourense inclúe o bloque de hospitalización; o bloque de servizos centrais e o aparcadoiro tanto para o persoal do centro como para os usuarios. Preto de 50.000 metros cadrados útiles de hospital cunha mellor atención nos sete andares de hospitalización e arredor de 900 camas; cunha maior accesibilidade, con máis de 700 prazas de aparcamento; e cunha maior innovación, xa que grazas á centralización en Ourense dos investimentos do Hospital 2050, este complexo incorporará os últimos avances en materia de tecnoloxías sanitarias.

O presidente da Xunta resaltou que co futuro Hospital Público de Ourense o Goberno galego cumpre cun dos seus compromisos: “Centralizamos en Ourense as obras do Hospital 2050 como se comprometeu e con isto cumprimos ese compromiso con Ourense de, a pesar da crise e a pesar das obras que temos en marcha noutras cidades, responder a unha necesidade obxectiva que é mellorar os servizos de hospitalización da terceira cidade de Galicia”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar