A Semana Santa de Ferrol, Festa de Interés Turístico Internacional

Semana Santa Ferrol_de interés internacional

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez asistiu hoxe en Ferrol ao acto de presentación da Semana Santa como Festa de Interese Turístico Internacional. No acto interviñeron tamén o alcalde da cidade, José Manuel Rey, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo e mais a presidenta da coordinadora de confrarías da Semana Santa de Ferrol, Meca Arcos.

Segundo manifestou a directora de Turismo de Galicia, a consecución da declaración de Interese Turístico Internacional da Semana Santa de Ferrol supón unha das mellores noticias para o destino Galicia porque implica “un recoñecemento á tradición e á singularidade desta festividade que repercutirá positivamente na imaxe da cidade, no seu atractivo como destino turístico e tamén na conservación dun dos nosos recursos turísticos únicos no mundo”.

A directora de Turismo explicou tamén que dende a Administración Turística galega se traballou coa Secretaria de Estado de Turismo para explicar a relevancia e singularidade desta festividade e para incidir na súa capacidade de atracción turística a nivel internacional.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a singularidade desta Semana Santa, tanto polo número de procesións e polos máis de tres mil penitentes que congregan os desfiles, así como polo número de confrarías implicadas, é merecedora deste recoñecemento a nivel internacional dado que atesoura un dos patrimonios máis valiosos do mundo: a implicación de todos os ferroláns e ferrolás na súa celebración, o fervor con que a viven e o orgullo que senten de formar parte desta celebración tan íntima e ao tempo tan universal.

Incremento do turismo internacional
Segundo dixo, cada ano, máis viaxeiros atopan nestas terras múltiples motivos para gozar aquí dos seus días de lecer. No mes de novembro, as pernoitas na cidade departamental medraron un 31,4% a respecto do mesmo mes do ano anterior. Entre xaneiro e novembro, os establecementos hoteleiros da cidade rexistraron un máis de 260 mil pernoitas, isto é, un 1% máis que as contabilizadas no mesmo período de 2012. A estadía media medrou un 36% en novembro e un 16% no acumulado do ano.

E engadiu tamén que Ferrol “é cada vez máis un destino que interesa aos mercados internacionais, boa mostra disto é o incremento na cifra de viaxeiros internacionais que pernoitaron na cidade entre xaneiro e novembro do ano pasado dun 31%. As pernoitas de turistas estranxeiros subiron nese mesmo período un 46%”.

“Son cifras moi positivas que amosan a gran proxección que ten esta terra nos mercados internacionais e nos novos mercados emerxentes”, explicou.

Ao tempo, a directora de Turismo indicou que a aposta por novas tipoloxías de turismo como o turismo industrial -que protagonizará neste 2014 dous importantes eventos na cidade: o Crossroad of Europe e mais o V Congreso Europeo de Turismo Industrial- situará a esta cidade á vangarda desta tipoloxía turística e “converteraa nun referente da recuperación do seu valioso patrimonio industrial para o uso turístico”.

A Semana Santa de Ferrol fora declarada de Interese Turístico Nacional en 1995. Galicia conta, con esta nova declaración, con sete festas coa distinción de Interese Turístico Internacional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar