Nova convocatoria do Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”

Premio Carracedo Deputación OUrense

 

A Deputación de Ourense ven de convocar o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo 2014”, un galardón que a institución provincial concede anualmente ao mellor traballo xornalístico –escrito, gráfico ou audiovisual- publicado nun medio de comunicación galego ou referido a Galicia durante o ano 2013. O premio foi instaurado pola Deputación de Ourense como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O galardón consistirá nun único premio e a dotación será de 3.000 euros.

Segundo as bases, poderán optar a este premio todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, en calquera das súas modalidades. As propostas para optar ao premio poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.

Os traballos ou conxuntos de traballos –escritos, gráficos ou audiovisuais- que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou referidos a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2013 e o día 31 de decembro do mesmo ano. O xurado do premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” estará presidido por un membro da Corporación Provincial. Como vogais, estará integrado por catro membros designados pola Comisión de Educación, Cultura e Deportes.

DIA DA LIBERDADE DE PRENSA

O prazo de recepción de propostas e presentación de traballos pecharase o día 15 de marzo de 2014. Os actos de entrega serán o 3 de maio, coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Prensa.

As propostas deberán ir acompañadas de seis fotocopias, tamaño folio, da páxina ou páxinas en que foron difundidas, nos casos de publicacións. Se se trata de traballos audiovisuais, presentaranse seis copias en CD, DVD ou lapis dixital, segundo os casos. Se os traballos se publicaron sen se asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de emisión e nome ou nomes dos autores.

Os traballos remitiranse á Deputación de Ourense, rúa Progreso, 32, baixo o epígrafe de Premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”.

A participación neste premio periodístico implica a aceptación das bases. Quedan excluídos de participar neste certame os funcionarios e o persoal laboral da Deputación de Ourense. Valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar