Plan estratéxico de subvencións para os concellos ourensáns

Deputación Ourense

A Deputación de Ourense pon en marcha neste ano 2014 un Plan estratéxico de subvencións que ten como obxectivo garantir no ámbito da cooperación cos concellos un nivel mínimo de investimentos en infraestruturas de titularidade municipal, en particular, nas relacionadas cos servizos mínimos obrigatorios, e prestar axuda financeira aos concellos en situación de insuficiencia orzamentaria.

Esta iniciativa política permitirá tamén garantir o financiamento mínimo para o mantemento dos servizos sociais de titularidade municipal e dos puntos de atención á infancia, e posibilitará a continuación da experiencia comarcal de xestión do servizo de depuración de augas residuais a través do Consorcio de Augas de Valdeorras.

O plan estrutúrase nas seguintes liñas de acción: cooperación coas entidades locais, fomento da cultura, fomento da educación, fomento do deporte, fomento do benestar social e fomento do desenvolvemento económico, en coherencia coas competencias provinciais e coas previsións dos orzamentos xerais da Deputación de Ourense para o exercicio 2014. Ademais, abrirase unha sexta liña de acción, dedicada ao fomento do asociacionismo veciñal.

O importe previsto inicialmente para esta liña de subvencións é de 7.375.333 euros, podendo ser obxecto de ampliación ao longo do exercicio orzamentario, en función dos remanentes dispoñibles logo da liquidación do orzamento de 2013. As achegas serán realizadas exclusivamente con fondos propios da Deputación de Ourense. Non obstante, as entidades locais beneficiarias poderán complementar o financiamento das actuacións subvencionadas con achegas financiadas con fondos propios municipais, con fondos obtidos doutras administracións públicas ou da Unión Europea.

INSTRUMENTOS DE XESTIÓN

As subvencións que contempla o plan estratéxico xestionaranse a través dos seguintes instrumentos: Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e de Rede Viaria Provincial; Convenio de cooperación coa Xunta de Galicia, a FEGAMP e os concellos que dispoñen de grupos de emerxencias supramunicipais; Programa Provincial de Cooperación cos Concellos para a Realización de Actuacións de Limpeza das Marxes das Redes Viarias Municipal e Provincial; Programa Provincial de Asistencia Técnica, Económica e Xurídica aos Concellos e Mancomunidades en Materia de Servizos Sociais Comunitarios; Programa Provincial de Asistencia aos Concellos e Mancomunidades para a Xestión de Puntos de Atención á Infancia; Convenio de cooperación con Aguas de Galicia e o Consorcio de Augas de Valdeorras para o financiamento do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais; Subvención nominativa ao servizo contra incendios da Mancomunidade das Terras de Celanova; Convenios de cooperación coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Padrenda para a construción da EDAR municipal de Ponte Barxas (Padrenda) e para outras actuacións procedentes de exercicios anteriores; Convenio de cooperación coas Consellerías de Educación e Cultura e Medio Ambiente e Infraestruturas e co Concello de Verín para a construción e equipamento do Auditorio Municipal; Subvención nominativa ao Consorcio Turístico da Ribeira Sacra para accións de promoción deste espazo turístico interprovincial, e Plan de Investimentos Deportivos e Programa de Apoio a Mancomunidades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar