Rojo chama a aumentar a transparencia das cámaras ao asumir a presidencia das Asambleas Rexionais

Feijóo_Rojo_Parlamento_presidencia Parlamentos Rexionais

 

A presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, asumiu a presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (Calre) para 2014 co reto de que os parlamentos favorezan máis “consensos” e fagan “un uso intelixente” das novas tecnoloxías para incrementar “a transparencia e a proximidade” ao cidadán e así recobrar a “confianza perdida”.
Nun acto institucional no Pazo do Hórreo presidido por Feijóo, tras recibir a maquila “que entrecruza Europa” de mans da súa antecesora no cargo, a titular do Parlamento de Bruxelas capital, Françoise Dupuis, a xefa do Lexislativo galego advertiu que as cámaras deben “camiñar ao ritmo da sociedade” e demostrar os cidadáns que actúan “de forma responsable”.

Nun momento político no que o Pazo do Hórreo debate o recorte de 75 a 61 deputados por proposta do seu partido, o PP, e en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu o papel das cámaras e chamou a fomentar a transparencia para que os cidadáns coñezan o seu traballo.
Ao tempo, defendeu o papel “clave” das eleccións europeas de maio “no proceso da integración democrática” da UE. Non en van, subliñou que esta etapa previa aos comicios europeos supón “unha ocasión única” para “achegarse aos electores” e explicar “cál é o papel das institucións” nos diferentes niveis de decisión e como poden participar na vida democrática.
“Queremos facer máis Europa”, proclamou, convencida de que a sociedade ten que sensibilizarse coas decisións que se adoptan no ámbito europeo.


“UNHA COMUNIDADE CON RAÍCES NO TEMPO”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Cámara galega reflicte a vida dunha Comunidade con raíces antigas no tempo, “unha Comunidade que se reafirma no diálogo, que quere manterse unida consigo mesma, unida coas restantes Comunidades de España e as demais rexións e nacións de Europa”. “Galicia sabe de onde vén, onde está e cara onde vai”, asegurou.

Destacou que foi nos parlamentos onde “conceptos que semellaban abstractos, como Pobo ou Sociedade, tomen voz, falen con forza, se expresen”. “A partir do nacemento deses parlamentos, ninguén poderá usurpar en van a representación popular sen ser chamado ditador ou tirano”, manifestou.
Nesta liña, lembrou que “os Parlamentos reflicten unha complexidade social e exixen un ánimo conciliador que algúns non poden entender ou non poden soportar”, e sinalou que, como xa aconteceu no pasado, tamén no presente “o menosprezo cara ao Parlamento delata actitudes totalitarias”.
O titular da Xunta considerou que o parlamentarismo europeo constitúe o triunfo da idea de liberdade, e sinalou que en todas as cámaras que compoñen a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa son comúns os debates, as interpelacións, as preguntas, as votacións e os momentos de tensión. Nesa liña, salientou que esa comuñón ten en boa medida en Galicia o seu punto de partida porque “Compostela foi destino de moitos peregrinos que iniciaron o Camiño sendo do seu lugar de orixe para regresar sendo, ademais, máis europeos”.
“O Camiño de Santiago crea unha identidade que se superpón ás identidades previas, sen suprimilas. Anticipa o que é natural hoxe en día, cando cada europeo é da súa rexión, pertence ao seu país e se sinte partícipe de Europa”, afirmou Feijóo.
Para o responsable do Executivo autonómico “o ser humano é complexo porque é libre, e o mesmo acontece cos pobos”, polo que sinalou que intentar coartar a súa diversidade e impoñer identidades únicas “é unha pretensión contraria á idea de Europa que forxamos”. E engadiu que “os nosos pobos son máis libres porque non están sós, porque comparten e son capaces de crear unha casa común que chamamos Parlamento”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar