En preparación unha “marca” para as 1.200 cooperativas galegas

Beatriz Mato_Consello Galego de cooperativas
A Xunta proponse promover a creación de cooperativas coa futura lei de economía social, o borrador da cal presentou este luns ao sector a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, xunto co texto do decreto para regular “unha marca cooperativa” que agrupe este tipo de empresas en Galicia.

Para o obxectivo de implementar esta fórmula, sinalou, o orzamento aumenta un 13% este ano neste ámbito. Mato explicou, en declaracións aos medios trala presentación no Consello Galego de Cooperativas, que o Goberno galego busca consensuar co sector os novos textos –lei e decreto– e “visibilizar” unha fórmula que é “frutífera” en Galicia.

“Aos datos remítome”, dixo a conselleira, antes de indicar que o número de cooperativas incrementouse en 255 dende 2009 –sumáronse 64 no último exercicio, ata chegar a un total de 1.205– e os socios creceron en máis de 4.700, ata superar os 90.000.

Coa aprobación da lei de economía social, resaltou, Galicia será “pioneira” entre as comunidades autónomas, posto que ningunha outra conta cun texto lexislativo propio nesta materia.

O crecemento do cooperativismo nos últimos anos leva o Goberno galego a concluír que “ter unha lexislación axeitada é oportuno” e que dar o apoio da Administración para que esta fórmula siga crecendo tamén “é oportuno”.

Deste modo, o texto lexislará sobre as cooperativas e outros modelos como as sociedades laborais e sobre “unha nova fórmula”, que son as cooperativas xuvenís –constituídas maioritariamente por mozos de entre 16 e 29 anos–. Así mesmo, promoverase que estas vías se dean a coñecer dende o ámbito educativo e que se mellore o autoemprego.

A nova lexislación pretende tamén regular as estruturas básicas e órganos de representatividade e prevé a creación dun órgano asesor, o Consello da Economía Social de Galicia. A Xunta estima que o texto definitivo será trasladado ao Parlamento este ano.
A MARCA COOPERATIVA

O segundo punto tratado no encontro, segundo explicou Mato, é o decreto para regular unha marca cooperativa, que se converterá “nun novo selo de certificación” que tratará de agrupar a todas as empresas deste tipo da comunidade.

Esta marca, pendente de “bautizar”, fará “máis visible” este modelo empresarial, que se basea en entidades “solidarias, que buscan a equidade e a responsabilidade social”, engadiu a titular de Traballo e Benestar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar