A Deputación de Ourense ultima o Plan Termal provincial

Reunión Plan Estratexico Termal

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, mantivo unha xuntanza de traballo con Mario Crecente, responsable da consultora que está a elaborar o Plan Provincial de Termalismo, logo do acordo acadado entre Baltar e Núñez Feijóo para implicar ao goberno autonómico no desenvolvemento dunha das áreas estratéxicas de Ourense. A dita xuntanza, que tivo lugar no Pazo Provincial, asistiu tamén José Juan Cerdeira, director da Área de Benestar da Deputación de Ourense.

Baltar fixo fincapé na singularidade termal de Ourense dentro de Galicia, acreditada obxectivamente, e falou da necesidade de poñer en marcha un ente que coordine todas as actuacións do plan director e que faga o seguimento do mesmo. O presidente da Deputación deixou claro que a planificación e estratexia “son básicas para acadar os obxectivos propostos nun horizonte que debera rematar en 2020 coa finalización do novo escenario dos fondos comunitarios, fundamentais achegas económicas para a concreción das medidas que deben implementarse”.

Nese senso pediu que figure en dito plan un cronograma de actuacións co financiamento correspondente, presidido pola cooperación e coordinación das administracións públicas. Proximamente terá lugar a presentación pública “dun documento que constitúe un guión de obrigado cumprimento onde a autoesixencia debe presidir todo o proceso”, afirma Manuel Baltar, engadindo que pasamos “das palabras os feitos, da teoría á práctica, do discurso á concreción práctica. So de nós depende que o fagamos posible”.

O termalismo forma parte dunha prioridade para a Deputación, e como tal figura no plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa. Os orzamentos de 2013 incorporaron por primeira vez unha partida específica coa denominación de “Termalismo”, determinante tanto para a elaboración deste plan como para poñer en marcha o programa de “Termalismo saudable”.

Nos orzamentos de 2014 incrementouse esa partida. “Ourense é auga”, subliña Baltar, “fagamos da nosa esencia o factor de desenvolvemento futuro da nosa terra”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar