Santiago conta con nova sala de exposicións no Pazo de Xelmírez

Pazo de Xelmiren_novo pavimento patio

Pazo de Xelmirez, novo paviment Sala de Armas

No marco do Plan de Xestión da Catedral de Santiago, impulsado polo Consorcio en colaboración coa Fundación Catedral, acaban de rematar unha serie de actuacións no Pazo de Xelmírez, integrado no conxunto catedralicio. Esta primeira fase das obras, financiadas polo Consorcio cun orzamento global de 272.300 euros, están destinadas a recuperar diversos espazos deste edificio histórico e abrilos ao público.

A Oficina Técnica do Consorcio encargouse da realización do proxecto e tamén da dirección das obras. Dende a mesma salientan que “o Pazo de Xelmírez, que ten a súa orixe no século XII, é o gran descoñecido e, ao mesmo tempo, unha peza clave no conxunto catedralicio, con salas de gran valor histórico e moitas posibilidades de uso e xestión ao servizo da Catedral”.

Pazo de Xelmírez_situación anterior
Obras realizadas na Sala de Armas.

A nova sala de exposicións inaugurarase coa mostra do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela

A Sala de Armas e as dependencias anexas acondicionáronse como salas de exposicións. Estes espazos albergarán inicialmente a mostra do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, impulsada pola Axencia de Turismo de Galicia e a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Esta exposición vai contar con pezas que requiren unhas condicións ambientais moi esixentes para a súa correcta conservación, o que obrigou a executar determinadas obras non previstas no proxecto inicial, en particular a instalación dun solo radiante.

O pavimento existente na Sala de Armas é froito dunha intervención realizada en 1955 polo arquitecto Francisco Pons Sorolla. A simple vista xa se apreciaban problemas de filtracións de auga sobre o mesmo. En principio os arquitectos do Consorcio propuxeran levantar o pavimento para buscar unha nova solución construtiva que evitase a entrada de humidades. Pero, ao retirar as pedras, comprobouse que baixo as mesmas non existía a soleira de formigón que recollía o proxecto de Pons Sorolla, senón que as lousas estaban asentadas sobre una cama de terra. Isto fixo posible o reaproveitamento das pedras retiradas da Sala de Armas para executar noutras estancias do edificio solos de calidade.

HUMIDADES

As lousas da Sala de Armas tamén se aproveitaron para mellorar o solo do patio exterior, posto que, unha vez iniciada a obra, verificouse que a rede de saneamento existente era insuficiente para a correcta evacuación da auga da chuvia. Así, propúxose a execución dunha nova rede e dunha canle de drenaxe. E para evitar o ascenso da auga por capilaridade púxose un novo pavimento, que se colocou sobre unha lámina impermeable.

Ademais, como o principal obxectivo da intervención era sanear e evitar as humidades que afectan á Sala de Armas, tamén se reparou e mellorou o sistema de canalóns e baixantes tanto no patio exterior como no superior.

ASCENSOR

Por outro lado, instalouse un ascensor no oco da escaleira do torreón medieval. Deste xeito queda comunicada a planta do Salón de Armas, a entreplanta na que se atopan os aseos e o andar do Salón Real. E, para completar a mellora da accesibilidade, ensancháronse varios tramos da escaleira, o que permite unha boa circulación entre as diferentes plantas con uso expositivo. Tamén se realizaron actuacións de acceso aos parladoiros sobre a Praza do Obradoiro, que ata o momento eran inaccesibles.

Pazo de Xelmiren_novo pavimento patio
O patio interior, recuperado.

 

 

Entre outras intervencións que se levaron a cabo no Pazo de Xelmírez, destaca o saneamento das revocaduras das bóvedas da Sala de Armas e do túnel de acceso dende a Praza do Obradoiro. Ademais, demoleuse a recepción que se instalara con carácter provisional para regular a entrada de visitantes a unha exposición temporal no pazo.

Continuación das obras

A Axencia de Turismo de Galicia continuará nos vindeiros meses apoiando o proceso de recuperación do Pazo de Xelmírez, a través da promoción dunha segunda fase de actuacións. O obxecto é a apertura, esta primavera, da exposición conmemorativa do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

O Consorcio de Santiago, a través da súa Oficina Técnica, seguirá a prestar asistencia técnica especializada e dirixindo as obras que se realicen no pazo, ata a súa completa recuperación e apertura ao público.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar