AGE presentará a sua propia proposta sobre a reforma electoral

Yolanda Díaz_con Beiras

O voceiro parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, recibiron senllas cartas de José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) e Xavier Vence (BNG) como líderes das dúas principais formacións que conforman a coalición co fin de manter contactos para abordar a reforma da lei electoral, que impulsan os populares.

Mentres Vence manifestou a intención de lograr unha fronte común de toda a oposición para manter unha postura en contra da reforma que pretenden os populares; o secretario xeral do PSdeG avogou por unha negociación “sen exclusións”, e escribiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para buscar un acordo amplo.

Yolanda Díaz confirmou que recibiu as dúas cartas e explicou que, á marxe do que manifeste nos seus órganos de dirección a súa formación política, Esquerda Unida, será no seo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) onde se debata a postura que adoptará a coalición no Parlamento.

Anova, segundo as fontes consultadas por Europa Press, delega esta decisión no grupo, posto que é unha cuestión que afecta ao ámbito do parlamentario.

Alternativa Galega de Esquerda tamén ten a súa proposta propia sobre unha reforma electoral, pero aínda non a presentou. Ao respecto dos cambios que pretenden os populares, Yolanda Díaz manifestou que pretenden “evitar a participación” das minorías e “poñer un cadeado á democracia”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar