O delegado da ONCE explica en Ourense os proxectos para este ano

Baltar_ONCE

O delegado da Organización Nacional de Cegos (ONCE) en Galicia, Manuel Martínez Pan, visitou hoxe a Deputación de Ourense, onde foi recibido polo seu titular, Manuel Baltar, xuntanza na estiveron acompañados pola presidenta do consello territorial da ONCE, Dolores Venancio, e polo delegado provincial da organización, Luis Domínguez Na reunión, Martínez Pan explicou ao presidente provincial as actividades e proxectos que a entidade que dirixe ten previsto levar a cabo en Galicia, para afondar no labor social que a ONCE ven realizando dende a súa creación, hai 75 anos, a prol das persoas con discapacidade.

Pola súa banda, Manuel Baltar agradeceu a visita e loubou o traballo “de solidariedade e prestixio” que a ONCE está a realizar na provincia de Ourense, e comentou en detalle as accións que a deputación está a realizar no ámbito dos servizos sociais, sinaladamente, as enmarcadas dentro do plan “BenOurense”, o primeiro plan provincial de servizos sociais na historia da institución, pioneiro tamén en Galicia, “que ten na “cooperación” entre deputación e concellos a palabra clave para fortalecer e favorecer o crecemento económico e social dos municipios da nosa provincia pensando sempre nas persoas”.

Baltar e Martínez Pan falaron tamén da colaboración institucional entre Deputación de Ourense e a ONCE que se formalizou o pasado verán, cando a provincia de Ourense foi a protagonista do cupón da ONCE que se premiou no Día de Galicia, o 25 de xullo, ao representar neste documento da organización social aos cinco entroidos máis importantes da provincia de Ourense: Laza, Manzaneda, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia, declarados de “Interese Turístico”. Neste senso, comentaron a posibilidade de seguir afondando no futuro na colaboración institucional para seguir potenciando os proxectos sociais na provincia de Ourense.

Manuel Baltar subliñou que a ONCE é unha das organizacións máis valoradas pola cidadanía, “proba do ímprobo labor que fai a prol da integración das persoas”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar