Cada galego gastará 80 euros nas rebaixas, 5 máis ca o ano pasado

Rebaixas_paquetes

   Cada español gastará unha media de 84 euros nas rebaixas de inverno, que arrancan este martes na maioría das comunidades autónomas, o que supón un incremento do 5% respecto á campaña do ano pasado, o primeiro dende o inicio da crise, segundo datos da Federación de Usuarios-Consumidores Independentes (Fuci). En concreto, en Galicia prevese un desembolso de 80 euros por persoa.

   Deste modo, segundo indica Fuci, o desembolso medio dos galegos de 80 euros, suporá cinco euros máis que o ano pasado e catro menos que en 2012.

En todas as rexións se rexistrará previsiblemente un aumento do diñeiro que os consumidores van destinar ás compras de rebaixas, salvo en Canarias onde se mantén respecto ao ano anterior.

Así, Madrid, cun gasto por persoa de 100 euros, e Valencia, con 92 euros, son as comunidades autónomas que máis gastarán nas rebaixas. No outro extremo sitúanse as illas Canarias onde se prevé un gasto de 72 euros.

 

Rebaixas-tipo gran almacén

Malia a alza do 5% este ano no gasto destinado ás rebaixas, os consumidores foron reducindo progresivamente a devandita contía durante os anos afectados pola crise económica, ao pasar dos 122 euros de 2007 aos 84 euros de 2014.

O presidente de Fuci, Gustavo Samayoa, considera que o feito de que este ano o gasto aumente se debe en parte a que son moitos os consumidores que están a esperar aos descontos para comprar produtos que en tempada non poden comprar debido a que as súas economías non permiten facer fronte aos prezos.

FIEIS

Malia a liberalización das rebaixas, segundo Samayoa, os españois son fieis á tradición das rebaixas e esperaron conscientes de que a porcentaxe de desconto nesta data será maior, especialmente nos artigos de téxtil, debido á estacionalidade da moda.

Da enquisa realizada por Fuci despréndese que dous de cada tres españois comprarán en rebaixas. Un 65% prevé gastar máis diñeiro, un 22% o mesmo e só un 13% gastará menos que en 2013.

A maioría dos enquisados (63%) adquirirá artigos téxtiles e un 19% inclínase pola compra de complementos, mentres que o resto buscará artigos de deporte, novas tecnoloxías, ocio ou tempo libre.

Por último, un 45% dos enquisados afirman que van fixar un presuposto e elaborar unha lista antes de saír de casa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar