A Fundación Novacaixagalicia abre o ciclo de cine “Ron Galella”

 

Ciclo cine

Acceso á web

Programación Ron Galella

O Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia na Coruña estreará hoxe, mércores, un ciclo de cine dedicado a personaxes que foron captados pola cámara do fotógrafo Ron Galella, a quen a entidade dedica unha exposición desde o pasado 3 de outubro. Ata o vindeiro venres, ás 19.30 h, proxectaranse Annie Hall, Almorzo con diamantes e A xanela indiscreta. A entrada, que debe retirarse no propio Centro Sociocultural, é libre e gratuíta ata completar o aforo. Todas as proxeccións serán en versión orixinal con subtítulos.

O ciclo comezará hoxe con Annie Hall. Neste filme do ano 1977, Woody Allen, como director e actor, conta a historia dun home de 40 anos, algo neurótico, que traballa como humorista en clubs nocturnos. Despois de romper coa súa última moza, reflexiona sobre a súa vida, lembra os seus amores e, en especial, a súa relación con Annie. Así, chega á conclusión de que os seus fracasos son por mor das súas manías e obsesións.

Mañá, xoves, proxectarase Almorzo con diamantes (Breakfast at Tiffany’s). Audrey Hepburn dá vida nesta película de 1961 a Holly Golightly, unha fermosa rapaza neoiorquina que, aparentemente, leva unha vida fácil. O seu comportamento resulta bastante extravagante; de feito, almorza contemplando o escaparate da luxosa xoiaría Tiffany´s. Un día múdase ao seu edificio Paul Varjak, un escritor que vive á conta dunha muller madura mentres espera por un éxito que nunca chega.

O ciclo pecharase o venres con A xanela indiscreta (Rear Window). Alfred Hitchcock dirixe en 1954 este filme protagonizado por James Stewart e Grace Kelly no que narra a historia dun reporteiro gráfico que se ve na obriga de permanecer en repouso debido a que ten unha perna escaiolada. Así, pasa o tempo observando desde a xanela do seu apartamento cuns prismáticos o que ocorre nas vivendas de enfronte. Despois de contemplar unha serie de estrañas circunstancias, comeza a sospeitar dun veciño cuxa muller desaparecera.

As tres producións cinematográficas axudan a situar en contexto o ambiente e as celebridades ás que retratou coa súa cámara Ron Galella. A mostra dedicada a este fotógrafo neoiorquino permanecerá aberta no Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia da Coruña ata o vindeiro 11 de xaneiro e pode ser visitada de luns a venres de 17.00 a 21.00 h e sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

«RON GALELLA. PAPARAZZO EXTRAORDINAIRE!»

Máis de 10 700 persoas xa se achegaron a ver a exposición «Ron Galella. Paparazzo extraordinaire!» desde a súa inauguración o pasado 3 de outubro. A través de 107 instantáneas que foron portada, moitas delas, de revistas como Vogue ou Vanity Fair e once das cales están emprazadas na boutique Ottodisanpietro da Coruña, a mostra recolle momentos privados de personaxes públicos dos anos 70, persoeiros icónicos que foron e seguen sendo unha referencia para os grandes creadores de moda. O proxecto expositivo deixa constancia, así mesmo, do traballo que Galella realizou durante máis de tres décadas, nas que se dedicou ao negocio de capturar a vida persoal de grandes e mediáticos persoeiros, así pois «Ron Galella. Paparazzo Extraordinaire!» é o seu particular e permanente diario visual da fama, da riqueza e do éxito nos Estados Unidos de América durante a década dos anos 70.

O mundo do glamour e da fama, o universo da creación e do deseño van ligados inseparablemente á arte da creación e da moda; a fotografía é o principal medio de comunicación da moda por iso o traballo dos fotógrafos en xeral e dos paparazzi en particular xoga un papel esencial na difusión dos gustos e tendencias. A fotografía de Ron Galella é, nese senso, un libro visual da historia da moda e un repertorio gráfico e cronolóxico das celebrities que as visten. Ao fío desta relación entre a fotografía e o mundo da moda, a exposición se completa cunha sala anexa, deseñada e producida por Ottodisanpietro, onde se amosan, cunha sorprendente montaxe, 11 vestidos únicos e exclusivos aportados polos obradoiros de Prada, Gucci ou Valentino, entre outros, algúns destes vestidos foron lucidos por estrelas como Penélope Cruz, Liv Tyler ou Kate Winslet.

Windblown Jackie. 7 de octubre de 1971, Nueva York. Jackie Onassis paseando por Madison Avenue.

A mostra documéntase, tamén, cunha película dirixida recentemente por Leon Gast sobre a vida deste polémico fotógrafo titulada Smash his camera que se proxectará na mesma sala de exposicións que o conxunto das fotografías e que nos descobre a un home tan fascinante como calquera dos seus famosos obxectivos. Smash his camera (Escacha a súa cámara), que toma o título dunha orde dada por Jacqueline Kennedy Onassis ao seu escolta, é unha reflexión sobre a natureza da fama, a relación entre as celebridades e os seus cronistas e o difícil equilibrio entre vida privada e liberdade de prensa nos últimos trinta anos. Ron Galella conta vellas batallas sobre personaxes como Michael Jackson, a princesa Diana, Elizabeth Taylor, Robert Redford, Brad Pitt e moitas outras estrelas que intentaron, sen éxito, escapar da súa lente, mais non sen dificultades e problemas para el. Con todo, nada captou a súa atención como Jackie Kennedy, por iso, desde 1967 ata 1982, o fotógrafo perseguiu a ex primeira dama cunha determinación obsesiva, ata chegar a tal extremo que Jackie ordenou ao Servizo Secreto impedir que ela e os seus fillos fosen fotografados e presentou unha demanda contra Galella que se converteu nun vivo debate sobre a privacidade dos personaxes públicos. En definitiva, Smash his camera é o retrato dun home que aínda aos 77 anos de idade segue a saltar barreiras para conseguir unha foto exclusiva.

RON GALELLA, UNHA VIDA PARA CAPTURAR CELEBRIDADES
Ron Galella naceu en 1931 no Bronx, Nova York, actualmente está considerado o pioneiro do mundo paparazzi. Alcumado «Paparazzo Extraordinario» pola revista Newsweek e «O Padriño da cultura dos paparazzi de EE. UU.» polas revistas Time e Vanity Fair, é considerado o fotógrafo máis importante do mundo das celebridades. As súas fotografías poden ser vistas nun gran número de publicacións como Time, Harper’s Bazaar, Vogue, Vanity Fair, People, Rolling Stone, The New Yorker, The New York Times e Life.
Galella serviu aos Estados Unidos como fotógrafo da Forza Aérea durante a Guerra de Corea e asistiu ao Art Center College of Design nos Ánxeles, California, onde se graduou cunha licenciatura en fotoxornalismo en 1958. Actualmente vive en Nova Jersey coa súa esposa e fai, no cuarto escuro da súa casa, as súas propias copias que foron expostas en museos e galerías de todo o mundo, como os museos de Arte Moderno de Nova York e San Francisco, a Tate Modern de Londres e o Museo da Fundación Helmut Newton de Fotografía en Berlín. Ron Galella é amplamente coñecido polo seu tratamento obsesivo da figura de Jacqueline Kennedy Onassis e as súas batallas legais posteriores asociadas a ela, o New York Post definiuna como «a máis co-dependente das relacións entre a celebridade e o paparazzo vista xamais». A mostra recompila unha boa selección de fotografías de Jacqueline realizadas polo fotógrafo.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar