O PP de Ourense apoia a reforma da Lei Electoral

Manuel Baltar_sede PPOU

O Partido Popular de Ourense apoia rotundamente “a nova arquitectura institucional” proposta para o Parlamento de Galicia. Lembran os populares ourensáns que o PPdeG avanzou antes das anteriores eleccións autonómicas a súa vontade de rebaixar o número de deputados no Parlamento galego ata o mínimo impar posible dentro dos límites fixados no Estatuto de Autonomía de Galicia, que establece a necesidade de contar con entre 60 e 80 parlamentarios.

Asimesmo, lembran tamén que aínda que existiu a posibilidade de aprobar a reforma electoral na pasada Lexislatura, coa maioría obtida nas eleccións de 2009, o PPdeG decidiu esperar para someter esa vontade concreta e especificada no programa electoral ao referendo das urnas. E incluso se decidiu agardar, tralo inicio da presente Lexislatura, ata poder falar coas novas direccións dos partidos que renovaron as súas cúpulas directivas tras o resultado dos comicios

 

Ante esta situación, o presidente provincial, Manuel Baltar, sinala que a rebaixa proposta no número de parlamentarios é “simétrica, xusta e proporcionada, pola que pasaremos dun Parlamento de 75 deputados a un de 61, cuns mínimos provinciais que pasarán de 10 a 8 escanos”. É máis, Baltar Blanco recalca que esta proposta non altera a proporcionalidade do sistema actual, e que non tería cambiado nin un só dos gobernos que tivo Galicia dende o inicio da democracia. Nin sequera nos casos dos escrutinios máis axustados. “Con este sistema Fraga tería gobernado nas mesmas Lexislaturas nas que foi presidente; Touriño accedería de novo á Presidencia en 2005 e Feijóo, en 2009”.

 

No tocante aos criterios territoriais e de poboación, o PPOU sinala que ata o de agora, 40 dos 75 escanos eran asignados por criterios territoriais (un 46,7% do total); agora serán 32 de 61 (o 47,5%). Isto quere dicir que o factor poboacional queda prácticamente igual, sempre dentro da máxima recollida na Constitución de protexer aos territorios menos poboados, e que non só afecta a Galicia senón ao conxunto do Estado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar