O BNG defende un Parlamento “reforzado, non recortado”

Angel Vence_rolda BNG de pé
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu este venres, fronte á proposta do PP de recortar a 61 os deputados autonómicos, que o Parlamento galego é a principal institución de “autogoberno” da comunidade e que, como tal, necesita “ser reforzado e non recortado”, ao tempo que alegou que o seu tamaño “non é esaxerado”.

“O seu tamaño non é esaxerado en absoluto, senón que está na media do resto de cámaras”, esgrimiu Vence, quen, malia admitir que a “importancia” do Parlamento non depende “só do número de deputados”, si advertiu de que a súa “capacidade de traballo” non é “infinita” e o labor de control e de iniciativa lexislativa está vinculada tamén “co número de persoas”.

Deste modo, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado da deputada Carme Adán, reiterou o rexeitamento do BNG á proposta do PPdeG de recortar escanos. A xeito de argumento, esgrimiu que o que necesita este país “non é propaganda barata” nin anuncios de aforro que son “o chocolate do loro”, senón “reforzar” as súas institucións de autogoberno.

Ao respecto, resaltou que hai “moitas vías” para reducir gastos, “empezando polos da Mesa e da propia Presidencia do Parlamento”, ao tempo que suxeriu que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, podería reducir o seu “desproporcionado” número de asesores que só se ocupan, advertiu, “de deseñar propaganda e mensaxes para confundir” aos cidadáns.

“Non é persoal técnico, só se dedica a crear discursos placebo e mentiras para a confusión da cidadanía. Aí se pode e debe recortar”, suxeriu, para engadir que tamén se deberían suprimir as deputacións provinciais con máis de 100 integrantes que non son elixidos directamente pola cidadanía.

Fronte a iso, si reafirmou en que a Cámara está conformada polos representantes que os cidadáns elixen directamente e que “non é posible” desempeñar “de forma axeitada” o labor parlamentario “cun número reducido de deputados”. Por iso, deu por feito que calquera redución é un paso máis “na laminación” do autogoberno no marco da “campaña” iniciada con tal fin dende Madrid “coa colaboración de Feijóo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar